O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, puxo en valor a importancia deste certame como “referente na divulgación da Constitución, un pacto histórico que nos lembra que todos somos parte dun proxecto común”
- O secretario xeral, Manuel Arias, explicou que os participantes teñen ata o 14 de novembro para presentar os seus traballos, que deberán ser en formato debuxo para os máis pequenos e en fotografía ou vídeo para os maiores
Ourense, 15 de outubro de 2025.- A Subdelegación do Goberno en Ourense acolleu hoxe a presentación da 41ª edición do seu tradicional Concurso da Constitución, dirixido a estudantes de todos os niveis educativos da provincia. Nesta entrega, os traballos deben tratar sobre o artigo 45.2 da Carta Magna: “Os poderes públicos mirarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio ambiente, coa axuda da indispensable solidariedade colectiva”.
Na súa intervención, o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, explicou a pertinencia do artigo escollido pola emerxencia climática e pola devastación que sufriu a provincia o pasado verán como consecuencia da vaga de lumes. “O territorio queimado este ano recórdanos o deber de coidar o noso medio natural e o máis importante: o que se esquece, se repite”,subliñou.
Ademais, Santos puxo en valor a importancia deste certame que cumpre 41 anos como “referente na divulgación da Constitución”. “A nosa Carta Magna é o texto xurídico por excelencia, un pacto histórico que nos lembra que todos somos parte dun proxecto común: unha sociedade libre, respectuosa e solidaria”, remarcou.
Nesta liña, o subdelegado quixo animar á participación, que tradicionalmente supera os 1.000 traballos presentados. O ano pasado concursaron 1.719 creacións de 22 centros de Educación Primaria e 11 de Secundaria. Para lograr superalo, as bases foron enviadas a máis de 150 centros educativos da provincia de Ourense. O prazo de entrega finaliza o vindeiro 14 de novembro ás 14:00 horas.
Pola súa banda, o secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias, explicou a mecánica do concurso. “Os participantes de educación infantil, primaria e educación especial deben presentar un debuxo ou traballo artístico; mentres que os de ESO, bacharelato, formación profesional e universitarios poden escoller entre unha fotografía ou a elaboración dun vídeo de non máis dun minuto de duración”, detallou.
Os premios aos mellores traballos serán entregados no transcurso dun acto institucional, o día 6 de decembro para conmemorar a festividade da Constitución. Todos os galardoados recibirán un exemplar da Constitución que, ademais, para os máis cativos irá acompañada dun agasallo e para os gañadores da categoría superior, dun bono cultural ou tecnolóxico por valor de 400 euros para gastar en establecementos adheridos ao bono cultural do Goberno que teñan tenda física na provincia.
O xurado cualificador dos traballos presentados estará composto polo subdelegado do Goberno, o secretario xeral e representantes do Concello de Ourense, a Xunta de Galicia, a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde , o PP e o PSOE da provincia. Entre os seus membros atoparase o inspector de Educación, Xosé Fernández, que tamén acudiu a esta presentación. “É importante animar aos centros educativos a que participen para que se coñeza ben a Constitución, onde están os dereitos fundamentais”, concluíu.