A Xunta leva a cabo a limpeza e roza nas marxes da estrada OU-402 entre Arnoia e Cortegada

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta prosegue dende hoxe os traballos de limpeza e roza nas marxes de oito estradas autonómicas ao seu paso por once municipios das catro provincias. En concreto, na provincia  da Coruña continuará avanzándose nos traballos comezados nestas últimas semanas na AC-550 en Carnota, e na autovía AG-59, ao seu paso polo municipio de Teo. Tamén se proseguirá con novos traballos de roza e limpeza na estrada AC-543, en Brión; e en dous treitos da AC-552, no seu percorrido polo concello de Coristanco.

Na provincia de Lugo, continuarán os traballos de limpeza na Vía de Altas Prestacións CG-2.2, no seu percorrido polo municipio de Bóveda; e no caso da provincia de Ourense, proseguirán as tarefas iniciadas o pasado mes de setembro  na OU-402, ao seu paso polos municipios de Ourense, A Arnoia e Cortegada.

Na provincia de Pontevedra, os novos a proseguir centraranse no acondicionamento das sendas e glorietas do viario do polígono Meis-Barro, na zona correspondente ao municipio de Barro. Tamén seguirá avanzándose nas labores de limpeza e roza en distintos tramos das marxes da autovía AG-4.6 e da vía de alta prestacións CG-4.1, ao seu paso polos municipios de Moaña e Cangas.

Todas estas intervencións consisten na limpeza e roza de vexetación na zona de dominio público das estradas de titularidade da Xunta, e na reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas autonómicas ou no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

A Xunta, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.

As actuacións da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas están enmarcadas no contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que conta cun investimento total de 4 M€.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------