Meirás, Celso Emilio e as experiencias na Transición, nas xornadas de memoria de Celanova

----------------------------------------------------------------------------------------------------------


O ciclo abrirase o sábado 15 cunha conferencia sobre o Pazo de Meirás e o franquismo sen Franco; continuará o 22 coa presentación de ‘O Cabronario’, poemas contra o Réxime; e rematará o 29 cunha xornada sobre a Transición no país con protagonistas daquel tempo.
Celanova, 6 de novembro de 2025. O acontecido en Meirás como espazo de impunidade franquista desde a morte do ditador até ben entrado o século XXI, a batalla para recuperar o Pazo que culmina en 2020 coa entrega da propiedade ao Estado, e a loita que segue para que o espazo se converta de vez en lugar de memoria, centrarán a primeira cita das XORNADAS DE MEMORIA ANTIFASCISTA sobre A TRANSICIÓN ESPAÑOLA que, organizadas polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, se celebrarán na vila os días 15, 22 e 29 de novembro.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O investigador Carlos Babío, co-autor do ensaio ‘Meirás, un pazo, un espolio, un caudillo, base da demanda xudicial presentada polo Estado para recuperar o Pazo, será o encargado de abrir as xornadas cunha conferencia sobre como a loita social e o traballo dos colectivos de memoria foron claves para rescatar o espazo polo Estado, espazo que aínda non foi rescatado polas memorias. Canda el, intervirá Rubem Centeno, que está a desenvolver unha historia do cárcere da Coruña e centrará a súa intervención no uso da prisión como centro de represión das forzas democráticas durante o período a Transición.
Babío e Centeno, membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, falarán o sábado 15 ás 11.45 horas no Salón de Arcos (Casa do Concello). Minutos antes, contra as once da mañá, celebrarase a segunda homenaxe ás vítimas do que foi cárcere de mulleres en Celanova no edificio dos Xulgados, cadea documentada e sinalada hai un ano polo Comité.


O CABRONARIO de Celso Emilio Ferreiro
O sábado 22, a partir das 11.45 horas no Auditorio Municipal de Celanova (AMIC), terá lugar a presentación do poemario O CABRONARIO, de Celso Emilio, elaborado a partir dunha serie de obras do autor entre 1950 e 1973 coas que Celso Emilio tiña pensado editar unha compilación de poemas antifascistas. Tamén se presentará outro libro de poemas inéditos do autor reunidos baixo o título PIDO UNHA PATRIA AO MUNDO.
Xabier Ferreiro, un dos fillos de Celso Emilio e compilador das dúas obras, e Xabier Romero, director da Editorial Elvira que está apostando pola publicación da obra inédita do poeta celanovés, farán a presentación acompañados por tres especialistas na obra de Celso Emilio: a xornalista María Xosé Porteiro, o escritor Antonio G. Teijeiro, e o crítico e biógrafo Ramón Nicolás.
A Transición desde Galiza e Ourense
As xornadas rematarán o sábado 29 cunha cita dobre, a presentación pola mañá (11.45) do ensaio colectivo A TRANSICIÓN NA GALIZA e unha mesa redonda pola tarde (16.30) con protagonistas ourensáns daquel período. Ámbalas dúas citas na Casa dos Poetas.
A TRANSICIÓN NA GALIZA, publicado por Laiovento no 2023, é unha obra de historiadores, xornalistas e antropólogos que ofrece unha visión desde diferentes ámbitos da política e da cultura do acontecido no país durante aquel período. É tamén unha das últimas publicacións de Xusto Beramendi, falecido o ano pasado. En Celanova a presentación correrá a cargo do historiador Francisco X. Redondo Abal que falará sobre a persecución ideolóxica durante a Transición a través das actuacións do TOP (Tribunal de Orden Pública). Está pendente de confirmar a participación dalgunha outra das co-autoras.
Pola tarde, a mesa redonda levará o título de A TRANSICIÓN EN OURENSE, e nela está prevista a participación de Dolores Alonso Reverter, Manuel Peña Rey e Nemesio Barxa, coa posibilidade de que se sume algún outro protagonista.
O Comité agradece as facilidades que tanto o Concello de Celanova como a Fundación Curros deron para a organización deste actos en espazos municipais, e convida a toda á veciñanza a participar das actividades de divulgación histórica, política e literaria dun pasado ben recente que determinou dun xeito decisivo o acontecer destes nosos días.
Nas imaxes: O cartel das xornadas, unha fotografía de Celso Emilio e unha imaxe das rexas no cláustro barroco de Celanova de cando se habilitou a prisión no Mosteiro.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------