O PPdeG comproba as consecuencias que a paralización do sector eólico en Galicia ten en empresas como GRI Towers do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os deputados do Grupo Popular pola provincia de Ourense, Argimiro Marnotes e José Luís Ferro, visitaron no Carballiño a empresa GRI Towers Galicia para comprobar de primeira man as consecuencias que a paralización do sector eólico está a ter nas industrias que se dedican a este sector, que se traduce tanto nun descenso da produción, a busca de mercado de traballo fóra de Galicia e a redución do emprego directo e indirecto.

Argimiro Marnotes e José Luís Ferro lamentaron o bloqueo que vive o sector eólico na Comunidade galega, motivado tanto polos recorrentes recursos e accións xudiciais emprendidas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra proxectos autorizados polo Goberno galego, como pola recente decisión do Goberno de Pedro Sánchez de presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a medida da Xunta para a repotenciación de parques eólicos.

No caso concreto da empresa GRI Towers Galicia, os seus responsables trasladaron aos deputados populares a complexa situación que están a vivir, afectados por unha inseguridade xurídica evidente que desincentiva o investimento en Galicia: menos dun 6% da súa produción se instalou en Galicia nos últimos dous anos.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Ademais, o bloqueo que sufre o eólico galego non só está a devaluar a conta de resultados das empresas relacionadas con este sector, senón que tamén está a repercutir directamente no emprego que xeran”, indicaron os deputados populares, logo de coñecer que esta empresa do Carballiño viuse obrigada a reducir o seu persoal en case un 30%.

Marnotes e Ferro manifestaron que “a parálise do sector eólico que padecemos en Galicia é inédita no resto de España e Europa, xa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia é o único tribunal que bloquea por sistema os eólicos autorizados pola Xunta, insistindo nos seus recursos a pesar de que o Tribunal  Supremo e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea avaliaron bo facer do Goberno galego, validando as avaliacións ambientais dos parques eólicos que se realizan en Galicia”.

A esta parálise xudicial sumouse o recente recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central contra a modernización dos parques eólicos impulsada pola Xunta a través da repotenciación, “unha decisión incomprensible tendo en conta que esta mesma semana o propio Goberno de Pedro Sánchez anunciou a posta en marcha dun proxecto para dinamizar a repotenciación de parques eólicos a nivel nacional, copiando exactamente o que está a boicotear en Galicia”, criticaron.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------