O Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga arrancará o mércores 19 de novembro coa estrea mundial da peza “As maos da pulpeira”, dirixida por Silvia Cachafeiro, a primeira produción audiovisual protagonizada por mulleres pulpeiras. A obra rodouse integramente na comarca do Carballiño a finais de 2024 e foi producida pola recoñecida compañía Matriuska Producciones. Ademais, conta con financiamento do ICAA, Deputación de Ourense e Agadic e coa colaboración do Concello do Carballiño.
A curta presenta a Concha e Ramona, dúas pulpeiras do Carballiño dos anos 50 que están traballando nunha romaría. A través delas, o público coñecerá o traballo das pulpeiras naqueles anos de pobreza e emigración, así como a importancia da sororidade e do apoio entre as mulleres. “A idea xurdiu dunha conversa cunha pulpeira, cando descubrín como era o oficio das pulpeiras nos anos 50 e 60, e como actualmente está a cambiar”, explica a directora, Silvia Cachafeiro.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O elenco está formado por actrices e actores profesionais, como Miguel de Lira ou Susana Sampedro, pero tamén por pulpeiras do Carballiño que actuaron diante das cámaras por primeira vez. “Foi unha experiencia vital meterme nunha personaxe e verme nun escenario con toda a montaxe e a produción”, explica Emma del Rosario, actriz protagonista e de familia pulpeira.
“A curta é unha aposta polo oficio desta terra, un xeito de proxectar e visibilizar á muller matriarcal daqueles anos, que pode con todo, e un convite para que as mulleres se replantexen esa forma de vivir sen pedir axuda, tirando para adiante soas”, engade. Sally Iglesias, actriz coprotagonista, tamén pon en valor a experiencia da rodaxe. “Foi espectacular, tanto coa produtora, a directora, o guionista, vestiario, maquillaxe… Fomos como unha familia e aprendimos moitísimo”, asegura.
A directora e as actrices convidan á veciñanza do Carballiño, así como á poboación da contorna, a achegarse o día 19 á estrea. “Creo que é bonito como figura galega que é a muller pulpeira vir apoiar o proxecto e ver como se representa no cine. Case todas as actrices son pulpeiras, e tamén estivemos asesorados por mulleres que traballaban naquela época”, detalla a directora, quen tamén destaca o traballo do guionista, Duarte Caseiro.
A proxección será ás 20,30 horas o día 19 no Auditorio Manuel María, e estará seguida dun coloquio aberto co público, no que participará o equipo técnico e artístico da película.
Prazas esgotadas para o obradoiro infantil
O obradoiro infantil de foley e dobraxe enmarcado nas Xociviga, que se celebrará o sábado 15 de novembro, completou xa o seu aforo en tempo récord. A organización agradece a enorme acollida e o interese das familias, que confirman o éxito desta proposta educativa destinada a achegar o cinema aos máis pequenos.
Por outra banda, a semana próxima dará comezo a competición de videoclips en liña, que contará coa votación do público a través de Instagram. As obras seleccionadas son “Hibernarse”, de Fillas de Cassandra; “Aquí Sempre Tes Casa”, de Dani Cornes; “Equilibrar”, de Hugo Guezeta e Guadi Galego, “Perdín a Memoria”, de MJ Pérez; “Metamorfose”, de Peitoescuro, e “Ontes fun moi malo”, de Grande Amore.
O público poderá visualizar os vídeos e participar activamente na elección do Mellor Videoclip XOCIVIGA 2025, reforzando así o vínculo directo entre o festival e a súa comunidade.

















