O PSdeG-PSOE de Ribadavia esixe ao alcalde que convoque o padroado da Vila Termal de Prexigueiro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Ribadavia pregúntase que ten que agochar o alcalde do Partido Popular, César Manuel Fernández, no padroado da Vila Termal de Prexigueiro, tras case dous anos e medio de mandato sen convocalo. As e os socialistas esixen coñecer os motivos polos que non se convoca este órgano, que tal e como afirman “é vital para o funcionamento do motor económico e turístico máis importante da vila como son as nosas termas”.

Dende o grupo municipal socialista explican que no padroado están representados os diferentes grupos políticos da corporación, así como a veciñanza de Prexigueiro e o presidente do mesmo é o propio alcalde. Esta fundación ten como obxecto cumprir os pregos establecidos para que as termas funcionen mellor, fixar os prezos públicos e valorar posibles investimentos e melloras, dende que se puxo en marcha da man dun goberno socialista no ano 2010. Tal e como indican dende o PSOE de Ribadavia “a situación é de extrema gravidade, posto que no que levamos de mandato non se reuniu o padroado nin unha soa vez”.

As e os socialistas afirman que en tódolos plenos, os grupos políticos da oposición, “levan solicitando por activa e por pasiva que o alcalde convoque ao padroado da Vila Termal de Prexigueiro”, pero tal e como apuntan “este fai oídos xordos”. Ante esta situación, o grupo municipal socialista amosa o seu “malestar”, xa que tal e como indican “moito nos tememos que o rexedor está tratando de ocultarlle aos grupos e a veciñanza o que está acontecendo cas termas de Prexigueiro”. Asemade tamén lembran que a asociación de veciños que representa a Prexigueiro recibe un importante canon da concesión das termas e repercute no padroado, motivo polo que dende o PSOE cuestionan “quen ten que velar por eses cartos públicos?”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“A día de hoxe non sabemos cantos cartos hai nas contas do padroado, nin que investimentos se van facer en Prexigueiro”, subliñan dende o PSOE, antes de afirmar que “a falla de transparencia é total e moito nos tememos que o PP ten algo que agochar en todo esta situación”. Neste senso as e os socialistas explican que a asociación de veciños “desfíxose recentemente”, pero sinalan que “como non se convocou ao padroado non se puideron renovar os órganos e creemos que detrás de todo isto atópase a man do alcalde, que como non pode manexar á veciñanza ao seu antollo, decidiu obviar as convocatorias do padroado”.

O PSdeG-PSOE de Ribadavia tamén pon o foco na ausencia “total” de subvencións para potenciar as termas da vila. Segundo explican “temos un alcalde que non xestiona, que non consegue recursos nin subvencións, e que pese a ser o vicepresidente da Deputación, ano tras ano comprobamos que namentres noutros concellos chegan cartos para o termalismo, en Ribadavia non entra un peso”. Neste senso, as e os socialistas destacan que “as termas son o gran motor económico da vila, cun atractivo moi grande e atópanse sempre cheas, pero precisan de novos investimentos e melloras e para iso é necesario atopar subvencións”.

Dende o grupo municipal socialista lembran que César Manuel Fernández “fartouse en vender que da súa man chegarían milleiros de euros en subvencións para a vila, ao ter gobernos amigos do Partido Popular na Xunta e na Deputación, pero a triste realidade é que non chega un só euro”. As e os socialistas pregúntanse “como imos conseguir axudas públicas para o termalismo, cando temos un alcalde que é incapaz de convocar ao padroado da vila termal?” e apuntan a que “moito nos tememos que non o convoque, ao igual que acontece co de deportes, por medo a perder as votacións ou a que lle recriminen a súa nefasta xestión”.

As e os socialistas tamén lembran que a Lei de Fundacións de Galicia esixe que se reúnan un mínimo dunha vez ao ano ás fundacións co obxectivo de dar contas, aprobalas e ver o estado no que se atopan estes órganos. Pois ben, no caso do padroado termal xa van máis de dous anos e medio sen convocarse, no que en palabras do PSOE ribadaviense “é unha mostra de que o alcalde incumpre a lei, cando debería coñecela tralo seu paso pola Xunta”. Neste senso tamén destacan que a situación é de tanta “desidia”, que ata o propio PSOE tivo que recordarlle ao concello quen era o seu representante no padroado.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------