O parlamento aproba unha iniciativa socialista para que a Xunta desbloquee a ampliación da Rede Natura, paralizada durante 10 anos

Pablo Arangüena empraza á Xunta a cumprir co acordo parlamentario e “que non sirva de escusa para branquear a inexistente política medioambiental do PP”

Publicidade

A Comisión de Medio Ambiente do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para que a Xunta reinicie a ampliación da Rede Natura 2000, bloqueada nos últimos 10 anos, e deseñe un plan para a captación de fondos europeos asociados á transición ecolóxica. O viceportavoz e responsable de Medio Ambiente, Pablo Arangüena, defendeu esta iniciativa presentada coincidindo coa conmemoración, este venres, do Día Europeo da Rede Natura.

O responsable presentou esta proposta para “remediar o feito de que, 10 anos despois de que o goberno do PP dixera que era urxente ampliar a Rede Natura -como fixo a través dun anuncio da dirección xeral de Conservación da Natureza publicado no DOG en decembro de 2011-, proceda á súa ampliación inmediata”. Sinalou que “se en 2011 era urxente, en 2021 é dez anos máis urxente”, e emprazou ao PP a “aclarar este auténtico Expediente X da Rede Natura”.

Arangüena aceptou unha transacción co PP para “recoller o compromiso deste Parlamento cara á ampliación” da rede, se ben advertiu que “non estamos dispostos a que sirva para branquear a nefasta política medioambiental da Xunta”. Resumiu que “a Xunta leva unha década de brazos caídos a pesares de recoñecer en 2011 que era urxente xa entón proceder a ampliala, se ben o proceso incomprensiblemente quedou en nada”.

Actualmente Galicia está á cola de España na superficie incluída nesta rede, que non chega ao 12 por cento, o que supón “menos da metade da media estatal, que é o 27,35 por cento”. Ademais, explicou, o Plan Director, aprobado en 2014 e único instrumento de xestión, que foi cuestionado pola UE e criticado pola organización ecoloxista WWF, na actualidade “permite todo tipo de actividades e, ademais, na realidade nin sequera de aplica, deixando á pequena Rede Natura practicamente desprotexida”.

Acusou ao goberno galego de “xogar á contra” ao ter paralizada a ampliación da Rede Natura durante os últimos 10 anos, o que cualificou de “tomadura de pelo, vulneración de todas as normativas medioambientais europeas e estatais, un desleixo absoluto respecto da conservación e unha emenda á totalidade das tendencias de España, de Europa e do mundo”.

Salientou que “o que falla é a visión e a vontade política” do goberno galego, cun orzamento medioambiental de apenas 199 millóns de euros, lonxe dos 295 millóns cos que contaba en 2009, último ano do goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño. Ademais, a actual expansión eólica afecta a zonas que deberan formar parte da futura ampliación destes espazos, cando “aproximadamente a metade da potencia xa instalada está precisamente en Rede Natura”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a rematar os traballos para ampliación e revisión de Rede Natura 2000, así como avanzar na aprobación dos diferentes plans de xestión no prazo máis breve posible”.