A sorpresa saltaba esta pasada fin de semana entre os habituais usuarios da Estación de Autobuses do Carballiño ao comprobar o peche definitivo das instalacións e o traslado das paradas do servizo de transportes de viaxeiros ao espazo da avenida do Balneario ubicado ao carón do Auditorio Manuel María. Unha clausura que vén sumarse a xa anterior da cafetería pública da estación, que tivo lugar a finais do pasado mes de setembro.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Esta medida tomada pola Xunta de Galicia abre así o proceso para levar a cabo a demolición do edificio, que fora inaugurado no ano 1989 durante o Goberno tripartito, e que está pendente da presentación do pertinente proxecto de derrubo ante o Concello do Carballiño, tal e como aseguraron fontes do goberno municipal. Unha vez solventado este trámite e a súa aprobación, acometerase dita demolición para dar paso á construción do novo Centro de Saúde no mesmo solar. Unas obras que xa dispoñen do terreo axeitado, unha vez que a Xunta deu a definitiva luz verde á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Carballiño que habilita o uso sanitario da parcela ata agora ocupada pola estación.
O novo centro de saúde (que se construirá onde actualmente está a Estación de Autobuses) duplicará a superficie do actual, pasando dos 1.800 aos 4.500 metros cadrados, e permitirá mellorar de forma notable as condicións asistenciais tanto para os máis de 20.000 pacientes que reciben atención neste centro como para os profesionais que nel traballan. As novas instalacións incorporarán áreas de saúde bucodental e mental, así como salas de críticos e observación no Punto de Atención Continuada (PAC).
Ademais, o plan prevé reservar un espazo libre de 1.000 metros cadrados para aparcadoiro en superficie, atendendo á demanda de prazas vinculadas ao futuro ambulatorio.

















