O BNG insiste na necesidade de que as praceiras e praceiros volvan ao edificio da Praza de Abastos cando antes pero “en condicións que lles permitan traballar”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Grupo municipal do BNG reiterou a urxencia de que as praceiras e praceiros abandonen o espazo que ocupan actualmente na Alameda e sinalan ao Alcalde como único responsable “ao non atender a razóns” e advirten que este conflito “pode enquistarse de tal xeito que a ocupación da Alameda se prolongue durante moito máis tempo”

Ourense, 14 de novembro de 2025. O Portavoz do Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense Luís Seara, quen acudiu á Xunta de Portavoces convocada polo Alcalde esta mañá para abordar a situación na que se atopa o conflito coas praceiras e praceiros da Praza de Abastos número 1 e cuxa intención non é outra que iniciar os trámites para o desafiuzamento do espazo que ocupan actualmente na Alameda.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

O Portavoz do BNG é tallante, “nós queremos que o espazo da Alameda quede liberado canto antes, se pode ser mañá mellor ca que sexa pasado, agora ben, entendemos que as praceiras e praceiros teñen que mudarse ao edificio rehabilitado nunhas condicións que lles permitan seguir desenvolvendo a súa actividade profesional”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Seara lembra que o edificio da Praza de Abastos “quedou moi bonito desde o punto de vista estético pero a día de hoxe non é funcional e ten carencias importantes que cómpre solventar pois son as que permitirán desenvolver con normalidade a actividade comercial”. Neste punto o Portavoz nacionalista recorda que “estamos a falar dun modelo de negocio co que nós coincidimos e que aporta nada máis e nada menos que 286 postos de traballo cos que non se pode xogar, non podemos banalizar a situación”.

A Formación nacionalista valora positivamente a proposta trasladada polas propias praceiras e praceiros, a Xunta de Galiza e a Deputación “estanlle ofrecendo ao Concello unha proposta que ao noso entender é difícil de rexeitar mais en todo caso, o Alcalde é o único responsable de que a día de hoxe sigan ocupando a Alameda e será o único responsable de que esta situación se enquiste aínda máis”.

Cambio de modelo.

No BNG teñen claro que o posicionamento do actual Goberno Local responde ás pretensións do Alcalde de “mudar o modelo actual da Praza e transformalo nun modelo similar ao empregado na Praza da Ponte, na que un único empresario, seguramente próximo a el, se faga cargo do edificio”. Neste punto Luís Seara insiste, “nós concordamos e defendemos o modelo actual que ademais de ser exitoso supón un polo de atracción turística como se pode aprezar claramente noutras cidades e insistimos en que estamos a falar de preto de 300 postos de traballo que non podemos menosprezar”. 

Engade, “reiteramos que queremos que o traslado se faga canto antes pero en condicións dignas. Se Jácome quere mudar o modelo e rescindir a concesión, que o faga, ten capacidade para facelo a través da Xunta de Goberno local, pero que o faga asumindo todas as consecuencias que esa decisión poda ter”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------