A día de hoxe, hai 17.453 bonos xerados; 12.409 bonos canxeados; 217.299,28 euros facturados nas librarías adheridas a través destes bonos; e 1.503 incidencias resoltas. Así mesmo, aínda quedan 132.700,72 euros en bonos pendentes de canxe nas librarías da provincia
Ourense, 15 de novembro de 2025
A Deputación de Ourense actualiza o balance do Plan de Lectura Provincial, que está en marcha ata o vindeiro 20 de decembro: máis de 17.000 bonos xerados e 217.000 euros mobilizados nas librarías locais dos municipios da provincia adheridos a esta iniciativa, o que supón un 62,09% do orzamento.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O Plan de Lectura Provincial é unha acción posta en marcha pola Deputación para apoiar ás librarías ourensás, fomentar a lectura en todas as idades e dinamizar o sector cultural da provincia.
Segundo os últimos datos recompilados pola institución provincial, a campaña segue a mostrar un alto grao de participación cidadá e un forte impacto económico: a día de hoxe, hai 17.453 bonos xerados; 12.409 bonos canxeados; 217.299,28 euros facturados nas librarías adheridas a través destes bonos; e 1.503 incidencias resoltas, todas elas xestionadas con éxito polo servizo técnico da campaña.
Así mesmo, aínda quedan 132.700,72 euros en bonos pendentes de canxe nas librarías da provincia, o que garante a continuidade da actividade económica e cultural nos vindeiros días.
O goberno provincial destaca que estes resultados confirman “o éxito e a acollida social dun plan pensado para impulsar o acceso á lectura, apoiar o comercio local do libro e fortalecer o tecido cultural ourensán”. A Deputación agradece a implicación das librarías participantes e anima á cidadanía a seguir canxeando os seus bonos antes de que remate a campaña.
O Plan de Lectura Provincial consolídase así como unha ferramenta eficaz para fomentar hábitos lectores e reforzar a economía cultural no territorio, contribuíndo á dinamización das librarías e ao acceso á cultura para todos os públicos en Ourense.
Tal e como recollen as bases do programa, no que colabora o Concello de Ourense, as adquisicións de libros realizarase ata o 20 de decembro de 2025. Para poder recibir a axuda deberá realizarse unha solicitude a través de https://plandelectura.depourense.gal.
As axudas, que consisten nun libro por persoa cun custo máximo de 20 euros, poden solicitarse nos establecementos comerciais que se adheriron ao programa. Trátase de máis de medio cento de librerías de toda a provincia as que se uniron ao plan. O listado dos establecementos está dispoñible na web do Plan de Lectura.
O Plan de Lectura provincial está destinado aos mozos da provincia nados no ano 2007 en adiante, empadroados en algún concello da provincia de Ourense. As axudas son compatibles con calquera outra que puidese percibir coa mesma finalidade doutras institucións públicas ou privadas.
















