O PSdeG-PSOE de Ribadavia vén de presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria do xoves da vindeira semana na que insta ao concello a solicitar á secretaría de Estado de Memoria Democrática á declaración da ponte de Castrelo de Miño como lugar de memoria. Asemade tamén instan ao concello de Castelo, copropietario da ponte, a adherirse a esta moción. Dita ponte está situada no límite do termo municipal de ambos municipios, que comparten a súa propiedade.
A ponte de Castrelo de Miño, construída no ano 1907, foi empregada durante os primeiros meses da Guerra Civil, tralo golpe de estado perpetrado polos fascistas en xullo do 36, como lugar para facer desaparecer, asasinar e executar a diferentes persoas que foron vítimas da barbarie perpetrada polos franquistas. Tal e como explican dende o grupo municipal socialista en Ribadavia “a ponte é xa tristemente un lugar de memoria da guerra civil na provincia, xa que foi a localización escollida para executar persoas durante os primeiros meses da guerra”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O PSOE de Ribadavia considera que a tenor do disposto na Lei 20/2022 de Memoria Democrática, a ponte de Castrelo de Miño debe ser declarada como lugar de memoria, xa que tal e como apuntan “non debe esquecerse o que aló aconteceu e debe servir como lugar de lembranza para todas as vítimas brutalmente asasinadas nesa localización”.
A moción vén motivada polo artigo 49 da Lei de Memoria Democrática, que tal e como explican as e os socialistas de Ribadavia “define os lugares de memoria democrática como aqueles espazos, inmobles, paraxes ou patrimonio cultural, inmaterial ou intanxible no que se desenvolveron feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva, vinculados á memoria democrática, a loita da cidadanía española polos seus dereitos e liberdades, a memoria das mulleres, así como a represión e violencia contra a poboación como consecuencia da resistencia ao golpe de Estado de xullo de 1936, a Guerra Civil, a ditadura e a loita pola recuperación e profundización dos valores democráticos”.
“Estamos ante unha moción que pretende restaurar a dignidade do noso pobo e reparar a honra das vítimas da represión franquista, fascista e das ditaduras”, apuntan dende o PSOE ribadaviense. Unha iniciativa ca que as e os socialistas buscan que “sirva de homenaxe e lembranza a memoria das persoas que se mantiveron fieis ao seu cargo institucional e á legalidade institucional, así como as súas ideas e, ao mesmo temo, que transmita a sen razón dos asasinatos cometidos neste lugar”.
O PSdeG-PSOE de Ribadavia agarda contar co apoio unánime da Corporación Municipal e que o goberno local dea traslado dos acordos a secretaría de Estado de Memoria Democrática e sinalan que “no caso de non facelo o PP, habilitaremos as canles necesarias para que o Goberno estatal teña constancia desta situación”. As e os socialistas consideran que “hoxe é o día propicio para presentar esta iniciativa co gallo dos 50 anos de democracia no noso país”.









