O galardón ‘Arenteira’ a título póstumo recoñece o papel de Antonio Rey Cornide no impulso cultural do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O xurado dos XIV Galardóns Arenteira decidíu recoñecer, a título póstumo, a traxectoria de Antonio Rey Cornide vencellada no Carballiño ao eido artístico como gran impulsor da música polifónica e a actividade teatral.

Nado en Lugo en 1947, logo de rematar os seus estudios de contabilidade e cálculo mercantil, ingresou na banca en 1968, e despois de estar destinado en varias cidades españolas e incluso en Bélxica e Suiza, chegou ao Carballiño para traballar coma interventor no Banco de Santander, onde se prexubila no ano 2001.

Na vila do Arenteiro, participa no movemento asociativo tanto a nivel das asociacións de nais e pais dos centros de ensino coma de directivo no Casino Cultural e Recreativo, onde en 1993 se incorporaría á súa Coral Polifónica, da que sería presidente. Con anterioridade, en 1986 intégrase en Tiruleque, un grupo de teatro amador.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

En xaneiro de 2006, Antonio Rey foi elexido presidente da Federación Coral Galega (FECOGA) por un período de dous anos, e, tres anos despois, inicia unha nova etapa co Coro de Cámara Música Viva, tamén do Carballiño, e na Coral Polifónica de Agolada (Pontevedra).

O xurado dos Premios Arenteira salienta que a Rey Cornide foille imposta a insignia de prata ‘Marcial del Adalid’ por parte da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora del Rosario, pola súa constancia no eido musical. Asemade, lembran que “Malia á súa enfermidade, seguiu activo ata que a súa decaída saúde llo permitiu. Defensor do papel das corais dentro do espectro cultural galego, Antonio Rey, reivindicou sempre ese papel e a necesidade de potenciar esa importancia”.

O galardón a título póstumo seralle entregado aos familiares de Antonio Rey Cornide o vindeiro día 28 de novembro, venres, no decurso da gala dos Premios Arenteira correspondentes a esta 14ª edición, que terá lugar no Auditorio Manuel María do Carballiño.

Un acto ao que está convidada toda a veciñanza, compañeiros e amizades do homenaxeado que desexen arroupar á familia nesta merecida convocatoria para o recoñecemento da súa traxectoria na nosa vila.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------