Ribadavia será, do 5 ao 8 de decembro, o punto de partida do proxecto de dinamización comercial ‘Vilas Vivas’ da Xunta de Galicia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, presentou esta mañá xunto co alcalde de Ribadavia, César Fernández, a segunda edición do evento Artesanía, Saber e Sabor, que se celebrará entre o 5 e o 8 de decembro no casco histórico de Ribadavia e que será o punto de partida do proxecto pioneiro de revitalización comercial Vilas Vivas, encadrado nas medidas do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Segundo salientou o responsable autonómico, por segundo ano consecutivo -e en colaboración coa Consellería do Medio Rural- o casco histórico de Ribadavia converterase na ponte de decembro nun gran mercado aberto de produtos amparados baixo os selos de Artesanía Alimentaria e Artesanía de Galicia, ademais de escaparate para o comercio local. Concretamente, contará con 14 obradoiros de Artesanía de Galicia distribuídos entre a Igrexa da Madalena e a rúa Banda da Lira -xa nos locais integrados no proxectos Vilas Vivas-, así como con obradoiros gratuítos para todos os públicos e crusos de formación especializada en artesanía vencellada ao Nadal, e, coma novidade, un espazo específico na Alameda onde os comercios de Ribadavia poderán ofrecer os seus produtos.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural contará con diversos espazos na Praza Maior para promocionar os produtos agroalimentarios galegos amparados por distintivos de caldiade diferenciada. En concreto, haberá unha carpa na que estarán presentes 32 produtores de Artesanía Alimentaria, un espazo dedicado a catas de viños coa participación de 14 adegas da Denominación de Orixe Ribeiro e outro reservado para actividades infantís.

A maiores, na rúa Yáñez contarase con outra zona para a degustación de produtos de calidade diferenciada chamado “Cousas ricas”, no que se poderán probar receitas elaboradas con estes alimentos. A programación completarase con actividades musicais, espectáculos de maxia e baile, así como sorteos de lotes de Artesanía de Galicia e Artesanía Alimentaria e tamén coa visita de Papá Noel.

Martín Alemparte sinalou que a primeira edición deste evento amosou o papel dinamizador que teñen as actividades deste tipo, que contribúen a crear experiencias únicas e dinámicas de fluxo de poboación cara as zonas nas que se celebran, xerando unha oportunidade turística moi destacada. Asemade, salientou que se trata dun espazo idóneo non só para dar a coñecer a calidade e diversidade dos produtos agroalimentarios galegos, senón tamén para que os consumidores poidan coñecer e poñerlles cara ás persoas que realizan estas elaboracións.

Arranque do proxecto Vilas Vivas

Durante a rolda de prensa, José González salientou que esta nova edición de Artesanía, Saber e Sabor non só consolida o éxito acadado o ano pasado —con arredor de 8.000 visitantes—, senón que representa o inicio dun modelo innovador de dinamización comercial en vilas senlleiras. Así, o conselleiro subliñou que Vilas Vivas converterá Ribadavia na primeira experiencia dun proxecto destinado a recuperar o comercio local de cascos históricos singulares, con potencial turístico e cunha produción local senlleira como motor económico a través da rehabilitación de baixos en desuso e a súa posta a disposición dos comerciantes e artesáns en réxime de licitación pública.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------