Bodega Alanís presentou onte os seus viños brancos AmaVida Treixadura, Gran Alanís e e Gran Alanís Castes Brancas da man do seu enólogo, Antonio Muñoz, para un cheo absoluto na última sesión da undécima edición do ciclo ‘CatArte’. Nesta ocasión, os viños estiveron harmonizados con petiscos gastronómicos de Galicia Calidade presentados pola catadora Salomé Beiroa e acompañados polas versións musicais do grupo ourensán Besbellos, banda de versións de clásicos do blues, do soul e do jazz, pasados por un filtro rockeiro.
O evento incluíu a degustación dos tres viños harmonizados gastronómicamente con queixos, embutidos e propostas doces e tivo lugar na primeira planta do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, onde está situada a recentemente inaugurada exposición “Como válvula de escape. Locus Amoenus. Friso”, de Baldomero Moreiras, inspirada no “locus amoenus” ou lugar natural idílico, seguro e agradable. A mostra vira ao redor dun políptico de case 40 metros que vai percorrendo as diferentes gamas de cor.
Fundada no 1910, Bodega Alanís leva máis de 100 anos creando viños singulares e de calidade. O secreto dos seus longos anos de bo facer: unha coidada selección de uva en orixe, potenciando as variedades autóctonas, como a Treixadura e o Godello e un refinado proceso de elaboración fusionando a tradición e a vangarda tecnolóxica.
A banda Besbellos ofreceu aos asistentes unha xornada moi animada para enriquecer con máis aromas e sabores unha experiencia vitivinícola da máis alta calidade. O encanto da sala do Centro Cultural xunto coas sensacións da degustación dos viños de Alanís e os sons do blues e do soul confluíron nunha maridaxe que rozou a perfección.
Nesta undécima edición de ‘CatArte’ continuouse coas catas solidarias e todo o recadado coa venda de entradas solidarias irá dirixido integramente para a Asociación Diabética Auria de Ourense. Entidade sen ánimo de lucro constituída no ano 2002 que ten por misión reunir ás persoas con diabetes da provincia de Ourense e ás súas familias, coa finalidade de mellorar as súas condicións de vida e defender os seus dereitos sanitarios, educativos e sociais.
En xaneiro do ano próximo entregarase o cheque co recadado coa venda de entradas solidarias xunto coas achegas de todos os asistentes durante as tres xornadas que abarcou o ciclo. O evento de entrega celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
















