Noa Presas participa nun encontro coa mocidade ourensá para escoitar as súas inquedanzas e trasladar as primeiras medidas do BNG no goberno galego
“As políticas dirixidas á mocidade deben ser políticas integrais e transversais, desde todos os departamentos do Goberno Galego” sinala a cabeza de lista do BNG
Fronte ao modelo de precariedade e emigración do PP, Presas avanza que o goberno do BNG garantirá que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida en Ourense
Ourense, 9 de febreiro de 2024. Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense, mantén un encontro coa mocidade ourensá e chama a concentrar o voto na súa formación como única garante dun futuro próspero, con oportunidades e de futuro en Ourense. Presas avanza o impulso de medidas integrais e transversais, desde o Goberno Galego, para que a mocidade non teña que escoller co modelo promovido polo PP: ou precariedade ou emigración. Alén do máis, a cabeza de lista escoitou as inquedanzas da mocidade e completou o acto trasladando as primeiras medidas do BNG no executivo.
A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, mantivo un encontro coa mocidade ourensá para presentar as principais liñas de actuación do BNG, a partir do 18F, para mellorar a calidade de vida das mozas e mozos ourensás. “Quince anos de goberno do PP na Xunta fixeron que as mozas e mozos de Galiza teñan que escoller entre a precariedade e a emigración, só un goberno do BNG pode darlle a volta a esta situación e garantir que poidamos desenvolver o noso proxecto de vida na nosa terra” afirma Presas.
“Estas eleccións non van de ter máis lecer ou de ofrecer máis cultura, que tamén. Nestas eleccións xogámonos o presente e o futuro de Ourense. Xogámonos que poidamos seguir vivindo aquí cos mesmos dereitos sanitarios, co mesmo dereito a formarnos, cos mesmos dereitos laborais” subliña Presas. Neste sentido, Presas chama a concentrar o voto da mocidade ourensá no BNG por ser a única forza política que garantirá que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida na propia terra.
Políticas e medidas transversais para a mocidade galega
Presas defendeu que a política destinada á mocidade “ten que dar solución aos problemas da mocidade galega e garantir o seu futuro. Políticas que se executen desde todos os departamentos do goberno para garantir unha boa execución das mesmas, mellorando a vida das mozas e mozos de Galiza e, sobre todo, de Ourense”. Por iso, continúa Presas, as políticas destinadas á mocidade teñen que ser integrais e transversais: “desde o transporte, até o sistema educativo; desde os servizos públicos até o arranxo e o impulso das infraestruturas”.
No concreto, Presas avanza un estudo específico sobre a situación laboral da mocidade galega, que servirá como base para a elaboración dun Plan de Emprego Xuvenil que garanta a inserción laboral das mozas e mozos, rachando coa precariedade e a temporalidade laboral, ademais de poñer en marcha un plan de fomento e apoio para a creación cultural. En material laboral, destaca a cabeza de lista, o BNG executará un verdadeiro Plan Retorna, “que facilite a volta á casa da mocidade emigrada, xunto con medidas destinadas para reverter a situación de emigración forzosa que atravesa Galiza, facilitando o acceso a un traballo digno para as mozas e mozos, o aumento do investimento en I+D+i e o apoio aos sectores produtivos e industriais”.