A Asociación Cultural Arteficial celebra unha nova edición do Malgosto, unha proposta singular que reinterpreta a tradición do magosto cunha mirada humorística, creativa e comunitaria. O evento esténdese entre hoxe, venres día 28, e mañá, sábado 29 de novembro, combinando xantar popular, memoria oral, contos da tradición popular, música tradicional, gastronomía e electrónica nocturna. O evento está organizado pola asociación Arteficial co apoio do Concello de Ribadavia, O Museo Etnolóxico de Ribadavia e a Consellería de Cultura,
Xuventude e Política Lingüística da Xunta de Galicia, ademáis da colaboración de Bodegas Gallegas, Matilda Nieves, Gran Alanís, Aguas de Sousas e Povarelo.
O Malgosto naceu en 2022 coa intención de actualizar a tradición do magosto e adaptala á realidade da programación cultural local. Nesa primeira edición, por falta de datas libres e outras cuestións propias do traballo colectivo, tívose que levar a data ao mes de decembro e este desprazamento no calendario, inspirou a idea dun “magosto que sae mal”, convertendo o evento nun espazo para explorar novas formas de celebrar e fortalecer a vida comunitaria. En 2025, a actividade continúa medrando como encontro veciñal, xantar popular e como proposta ligada ao patrimonio inmaterial. O día 22 de novembro celebrase o Día da Música e atopamos o fin de semana perfecto no 28 e 29
de novembro para celebralo.
O programa ábrese hoxe no Museo Etnolóxico de Ribadavia con “Escoitar e conversar: Memoria oral da Madalena”, que se desenvolverá de 18,30 a 20,00 horas e consiste nunha actividade de recuperación da memoria colectiva a través do diálogo coa veciñanza deste barrio do casco histórico da vila.
E mañá, sábado, o local social da Madalena acollerá, de 12,00 a 20,00 horas, o ‘Malgosto 2025’, coa participación do contacontos Celso Fernández Sanmartín, coas súas historias “Lume, contos e castañas”; a rapeira rural ST e o músico electrónico Matafame; o grupo feminino Fuscalla de pandeireta e canto do IES O Ribeiro; a agrupación de música tradicional Malas Herbas; as Pandereteiras da Istoria, e os emerxentes DJ Macius e DJ Conde.

















