O PSdeG-PSOE de Punxín acada a unanimidade da Corporación para o arranxo da estrada de Figueroa

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Punxín impulsa o arranxo da estrada de Figueroa, tras aprobarse por acordo unánime no pleno municipal unha moción na que instaba ao arranxo integral desta estrada. As e os socialistas salientan que se trata dunha reivindicación reiterada pola veciñanza debido ao “avanzando estado de deterioro desta vía de comunicación”.

Dende o grupo municipal socialista explican que a iniciativa presentada en pleno recollía as múltiples reclamacións formuladas por veciños e residentes, que nos últimos meses “alertaron do perigo e das molestias derivadas das numerosas fochancas e o desgaste do firme”. A proposta contou co respaldo de tódolos grupos municipais, “evidenciando o consenso existente arredor da necesidade urxente de actuar nesta infraestrutura”.

As e os socialistas de Punxín sinalan que no transcurso da sesión plenaria, “o alcalde comprometeuse a un bacheado provisional de maneira inmediata, co obxectivo de mellorar as condicións de circulación e a seguridade viaria, namentres non se comprometa a obra de asfaltado prevista na moción”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, valora “moi positivamente” este acordo, pero advirte tamén da “importancia” de facer un seguimento estrito do seu cumprimento. “Alegrámonos deste acordo e estaremos atentos a que se leve a cabo”, afirma a edil socialista, que tamén apunta que “estaremos moi pendentes, posto que non é a primeira vez que se aproba un compromiso en pleno e despois non se fai nada”.

A aprobación desta moción, supón en palabras de Peleteiro Vázquez “un paso adiante na mellora das comunicacións e das estradas do municipio, así como na atención das necesidades reais da veciñanza”. As e os socialistas de Punxín insisten na importancia de que o asfaltado definitivo se execute “sen demoras e con garantías”.

Co acordo adoptado, o concello de Punxín deberá agora planificar e impulsar a actuación definitiva, asegurando a mellora do firme da estrada de Figueroa e reforzando deste xeito a seguridade viaria no municipio.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------