Esta mañá presentouse oficialmente en Expourense o evento “Ourense Territorio Emprendedor”, unha iniciativa organizada por AEPA e o Club do Emprendemento que converterá a Ourense nun punto de referencia nacional para o talento emprendedor, especialmente vencellado ao desenvolvemento rural e ao impulso económico do territorio.
Durante a rolda de prensa interviñeron Marta Vázquez, directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; David Martínez, presidente de AEPA; Rogelio Martínez, xerente de Expourense; José María da Torre, director de proxectos do Club do Emprendemento; e Darío Palomo Alcaraz, xerente de Negocios de ABANCA en Ourense. Cada un deles destacou a importancia de fortalecer o ecosistema emprendedor provincial, a colaboración público-privada e o papel de Ourense como provincia con grandes oportunidades para iniciar e consolidar proxectos empresariais.
Aínda que se trata da primeira edición, o congreso espertou un interese extraordinario: 20 emprendedores procedentes de fóra de Galicia, ademais de 28 emprendedores ourensáns e outros 10 do resto da comunidade, confirmaron xa a súa participación. Unha cifra que pon de manifesto o atractivo crecente de Ourense como territorio onde emprender, formarse e construír un proxecto de vida profesional e persoal.
A asistencia á sesión da mañá do venres 5 de decembro en Expourense é aberta ao público, dirixida a calquera persoa interesada no emprendemento, o desenvolvemento territorial e a innovación en Ourense.
As actividades da tarde do venres e toda a programación do sábado 6 de decembro na sede da CEO están dirixidas exclusivamente a persoas emprendedoras e requiren inscrición previa a través da web de AEPA.
A xornada inaugural do venres desenvolverase integramente en Expourense, comezando ás 9,30 horas coa apertura oficial e a benvida aos participantes. Intervirán, entre outras personalidades, #Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense; Pablo Fernández, Secretario Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia; José María da Torre, director de proxectos do Club do Emprendemento; David Martínez, presidente de AEPA; e Rubén Saavedra, director territorial de ABANCA en Ourense.
O experto en emprendemento Fernando Salinero abrirá o programa cunha charla motivacional. Ás 10,15 horas, o programa incorporará o relatorio “A situación actual dos autónomos”, impartida por José Luis Perea, Secretario Xeral da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA).
Posteriormente, Fernando Salinero moderará a mesa redonda “Caso práctico: o reto do rural e a oportunidade para un emprendedor en Ourense”, coa participación de Marta Nóvoa (San Cibrao das Viñas), José Miguel Pérez (San Xoán de Río), Plácido Álvarez (Muíños), Francisco Magide (exalcalde de Parada do Sil) e César Fernández (Ribadavia).
A continuación, presentaranse os recursos dispoñibles para os novos proxectos empresariais. Darío Palomo (ABANCA) abordará o financiamento e axudas directas; María Dolores Álvarez (Sofmatic Consultores) explicará as claves da dixitalización; e Emma González, xerente do INORDE, profundará nas ferramentas de desenvolvemento provincial.
A parte institucional da mañá será clausurada por Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia.
Pola tarde terán lugar tres obradoiros prácticos orientados á aplicación real nos negocios dos participantes emprendedores, incorporando a ciberseguridade como eixo transversal. Impartiranse “Modelo de negocio sostible”, por José María da Torre; “Dixitalización e mercado global: un plan de márketing que de verdade che funcione”, por Pablo Sanmartín (CEO de DixitalGou); e “O teu plan financeiro de verdade”, por David Martínez (CEO de DMA Advisory e presidente de AEPA).
O sábado 6 de decembro, a actividade trasladarase ás instalacións da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), onde os participantes continuarán con diversos talleres formativos centrados na innovación, a sustentabilidade e o desenvolvemento de competencias clave. A programación incluirá sesións sobre intelixencia artificial aplicada ao emprendemento, a oportunidade estratéxica da Silver Economy en Ourense e as claves para emprender sen perder a saúde, impartidas por especialistas de referencia. O evento finalizará cunha sesión práctica de traballo por equipos, un xogo interactivo de habilidades emprendedoras e unha visita guiada por Ourense.
“Ourense Territorio Emprendedor” consolídase como unha cita esencial para potenciar o ecosistema de negocio na provincia, promover o talento emerxente e visibilizar as oportunidades que ofrece o rural ourensán para emprender e xerar emprego. Todos os contidos formativos do evento desenvolveranse dentro do marco do programa INCIBE Emprende, financiado pola Unión Europea a través do PRTR e os fondos NextGenerationEU, grazas ao convenio entre o Club do Emprendemento e o INCIBE.

















