
A provincia de Ourense viviu esta mañá a inauguración oficial do congreso Ourense Territorio Emprendedor, un encontro organizado por AEPA Ourense e O Club do Emprendemento que reuniu a representantes públicos, entidades empresariais e máis de medio centenar de persoas emprendedoras de Galicia e de diferentes puntos de España.
A sesión inaugural, celebrada ás 09:30 horas en Expourense, contou con intervencións institucionais de alto nivel. #Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, subliñou o compromiso da institución provincial co impulso de iniciativas que xeran emprego, actividade económica e arraigamento no territorio. Recalcou ademais o potencial do rural ourensán como espazo onde emprender con calidade de vida e estabilidade.
Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, destacou a importancia de traballar de forma coordinada para que Galicia siga sendo territorio atractivo para desenvolver proxectos empresariais innovadores. Remarcou os recursos públicos dispoñibles, as liñas de apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o papel crave da formación e a dixitalización.
Pola súa banda, David Martínez, presidente de AEPA, valorou moi positivamente a acollida do evento e sinalou que Ourense Territorio Emprendedor nace para consolidarse como punto de encontro e acompañamento real para quen desexa emprender. Destacou a necesidade de facilitar contactos de valor, asesoramento especializado e unha rede estable que permita transformar ideas en proxectos sostibles.
O acto institucional contou tamén coa intervención de Rogelio Martínez, xerente de Expourense, José María da Torre, director de proxectos do Club do Emprendemento, e Dario Palomo, director territorial de ABANCA en Ourense, quen manifestou o seu apoio á iniciativa e puxeron en valor a colaboración entre entidades públicas e privadas para fortalecer o tecido produtivo.
Ao congreso asistiron 25 emprendedores procedentes de distintas comunidades autónomas e máis de trinta emprendedores de toda Galicia. Durante a xornada coñeceron o ecosistema emprendedor de Ourense e as súas fortalezas como territorio propicio para emprender e fixar un proxecto de vida, tanto desde a perspectiva persoal e familiar como desde o punto de vista empresarial, co obxectivo de fixar poboación na provincia e especialmente no rural.
A formación para persoas emprendedoras está a desenvolverse durante todo o día de hoxe en Expourense e continuará mañá sábado 6 de decembro na sede da Confederación Empresarial de Ourense, onde se celebrarán sesións específicas de consultoría, networking e acompañamento para proxectos empresariais. Ao longo da mañá celebráronse mesas de intercambio sobre financiamento, dixitalización, experiencias de emprendemento no rural e recursos públicos dispoñibles para autónomos, pemes e novos proxectos emprendedores.
Ourense Territorio Emprendedor, impulsado por AEPA Ourense e O Club do Emprendemento, consolídase como un espazo de encontro, colaboración e xeración de oportunidades reais para quen desexa emprender e establecerse na provincia de Ourense.
Todos os contidos formativos do Congreso desenvolveranse baixo o paraugas do programa INCIBE Emprende, financiado pola Unión Europea a través do PRTR con fondos NextGenerationEU, grazas ao convenio entre o Club do Emprendemento e o INCIBE.

















