O psdeg-psoe reivindícase como “a forza maioritaria en Ourense” e “a única alternativa capaz de darlle o futuro que merecen a cidade e a provincia” no seu comité provincial

Rafa Villarino, subliñou que “é o fin dunha etapa na que a cidade e a provincia non tiveron voz” froito da “falta de liderado” de Manuel Baltar na Deputación e de Gonzalo Pérez Jácome no Concello

Destacaron a necesidade de artellar candidaturas sólidas, fortes e gañadoras, que permitan revalidar os bos resultados obtidos nos últimos comicios e impulsar a presenza do PSOE en todas as corporacións locais

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 5 de novembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar o seu Comité Provincial en Santa Cruz de Arrabaldo, unha cita na que as e os socialistas se reivindicaron como a “forza maioritaria en Ourense” e “a única alternativa capaz de darlle o futuro que merecen a cidade e a provincia”.

“Celebramos este comité para dicirlle á cidadanía de Ourense que o PSOE xa está aquí e que somos a forza maioritaria nesta terra, pois contamos con datos que así o indican”, salientou o secretario provincial dos socialistas ourensáns, Rafa Villarino, quen engadiu que “é o fin dunha etapa na que a cidade e a provincia de Ourense non tiveron voz” froito da falta de liderazgo de Manuel Baltar na Deputación e de Gonzalo Pérez Jácome no Concello da terceira cidade de Galicia.

A escasos sete meses das eleccións municipais, o máximo órgano dos socialistas ourensáns entre congresos reclamou o papel do socialismo ourensán como “referente da meirande parte da cidadanía” e destacou a necesidade de artellar candidaturas sólidas, fortes e gañadoras, que permitan revalidar os bos resultados obtidos nos últimos comicios e impulsar a presenza do PSOE en todas as corporacións locais, presentando os mellores candidatos e candidatas.

Neste sentido, Villarino destacou que “temos fundadas esperanzas de potenciar a nosa representación, imos revalidar os bos resultados que conseguimos nas últimas eleccións e melloralos” ao tempo que instou a construír democraticamente o mellor proxecto socialista ourensán posible, co obxectivo de seguir sendo o instrumento máis útil para impulsar o presente e o futuro dos ourensáns e das ourensás.

No seu balance, o secretario dos socialistas na provincia instou tamén a “manter o rumbo ascendente” a través dun labor que permita que Ourense avance. Como exemplo deste esforzo, Villarino subliñou o traballo das e dos socialistas na cidade, co impulso das candidaturas para acoller a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) e a Axencia Espacial Española (AEE), ambas auspiciadas dende o PSdeG-PSOE ourensán, en contraposición á deslealdade de Baltar ao posicionarse a carón da Xunta e non apostar pola candidatura ourensá: “Como alguén que representa esta provincia pode aledarse de que Ourense non sexa escollida?”, inquiriu Villarino.

Por último, as e os representantes do socialismo na provincia amosaron o seu compromiso diante dunha nova etapa de esperanza e ilusión na que asumen a responsabilidade de traballar arreo nun proxecto que permita darlle a Ourense o futuro que precisa e merece.