A chegada das datas navideñas coincide un ano máis, e xa son tres, coa celebración do ‘Nadal Coral’, unha cita coa música polifónica na que grupos de canto de tódalas idades únense para entonar cancións tradicionais. O evento, aberto a todo o público en xeral e de balde, terá dous escenarios: o Auditorio Manuel María do Carballiño, o vindeiro sábado, 20 de decembro, ás 20,00 horas, e a Igrexa de Santa Eufemia, o luns, día 22, ás 20,30 horas, en Ourense.
A presentación deste festival tivo lugar hoxe na Casa do Concello carballiñesa, coa presenza de Diego Fernández, concelleiro de Cultura, e dous representantes da organización, Cristian Casas e Cristina Rodríguez, directores respectivos dos coros EnHarmonía e Cantiga, que tamén participarán xunto a outras oito agrupacións polifónicas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Cristian Casas apuntou que o obxectivo do ‘Nadal Coral’ “é o fomento do canto coral entre a xente xove do noso municipio e de toda a comarca, este tipo de actividades é fundamental para o seu desenvolvemento como persoas”. Da mesma opinión é Cristina Rodríguez, “xa que está demostrado que os cativos que cantan teñen mellores resultados académicos, é moi bó para eles”, e tamén salientou o carácter “interxeracional” do festival, “xa que haberá coros de tódalas idades”.
Neste ‘III Nadal Coral’ participarán un total de 10 agrupacións: Coro EnHarmonía, Coro Xuvenil Cantiga (Ourense), Orfeón do Carballiño, Cuarteto Vagalume, Coral A Torre (Maside) e Coro de Cámara Música Viva, ademais dos coros escolares do CPR Vila do Arenteiro, CPI Terras de Maside, CEIP Nosa Señora de Xuvencos (Boborás) e CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea).
















