O Servizo Municipal de Emerxencias de Ribadavia superou as 880 intervencións neste 2025

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Servizo Municipal de Emerxencias, integrado por Protección Civil e GES de Ribadavia, pechou o ano 2025 cun balance que dá conta da intensidade e diversidade do seu traballo: 887 intervencións realizadas, o que supón unha media de máis de dúas actuacións ao día nunha ampla zona do Ribeiro e concellos limítrofes.

Os datos do avance da memoria anual amosan que os accidentes de tráfico continúan a ser unha das principais causas de mobilización dos efectivos, cun total de 126 intervencións, das cales 66 rexistraron persoas feridas e 7 requiriron labores de excarceración ou rescate, actuacións que esixen unha resposta rápida e altamente especializada.

Especial relevancia tivo tamén a campaña de incendios, cun total de 62 actuacións, nas que destacan os 49 incendios forestais en situación 2, evidenciando a presión á que se ve sometido o dispositivo de emerxencias durante os períodos de maior risco. A estas intervencións súmanse incendios urbanos, vehículos ardidos e outras incidencias menores, algunhas delas finalmente resultaron ser falsas alarmas.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Con todo, é no apartado das chamadas chamadas “outras intervencións” onde se reflicte con maior claridade o carácter multidisciplinar e de proximidade do servizo. Ao longo de 2025 realizáronse 432 actuacións relacionadas con incidencias en estradas, inundacións, caída de árbores e obstáculos, rescates, aperturas de portas, procura de persoas desaparecidas ou apoio directo ás emerxencias sanitarias.

Mención á parte merece o traballo vinculado á atención a animais e ao control da vespa velutina, cun total de máis de 100 intervencións directas e 1.285 capturas realizadas, así como o mantemento da rede de trampas municipais, unha tarefa continuada que se estende ao longo de todo o ano.

O dispositivo de Ribadavia tamén estivo presente en 272 operativos preventivos e de apoio, garantindo a seguridade en eventos culturais, deportivos e sociais, ademais de colaborar en accións de prevención de riscos e seguimento de situacións sensibles como a evolución do caudal do río Avia.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O balance anual recolle 109 persoas feridas e 4 falecementos, producidos en diferentes contextos, desde accidentes de caza ata incidencias en ríos ou durante asistencias sanitarias, datos que poñen de manifesto a complexidade e dureza dalgunhas intervencións.

O Servizo Municipal de Emerxencias de Ribadavia conta cun equipo profesional formado por 12 efectivos, reforzado por arredor de 25 persoas voluntarias, dispoñibles practicamente durante todo o ano. En situacións excepcionais, como grandes incendios forestais, este número increméntase de maneira notable grazas á cooperación intermunicipal.

A actual Agrupación de Protección Civil e GES, que ao longo da súa traxectoria recibiu distintas denominacións, leva máis de dúas décadas en activo en Ribadavia, converténdose nun elemento clave da seguridade pública na comarca.

“O Servizo Municipal de Emerxencias é unha peza fundamental para garantir a seguridade da nosa veciñanza. Cada intervención, desde un accidente de tráfico ata un rescate en río, reflicte a dedicación, profesionalidade e valentía do noso equipo e do voluntariado,” destaca o alcalde, César Fernández.

“O compromiso destes profesionais e voluntarios permite que Ribadavia conte cun servizo á altura das necesidades actuais, capaz de actuar con rapidez e eficacia en calquera situación de emerxencia. A súa experiencia, xa consolidada ao longo de máis de dúas décadas, é un verdadeiro orgullo para o noso municipio,” engade o rexedor.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------