A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, anunciou hoxe que esixirá no Parlamento de Galicia a dimisión de José Tomé de todos os seus cargos. “Veremos, unha vez máis, que queda do falso feminismo do PSOE e do BNG, máis ocupados en darlle normalidade a este tipo de acordos”, dixo en referencia á postura dos socialistas e independentistas, que aceptaron o voto necesario dun presunto acosador sexual para manterse no goberno na Deputación de Lugo, o que supón “unha vergoña para todos os galegos”.
Defendeu ao PPdeG como “un partido sen líos”, fronte a xestión de PSOE e BNG, encabezados por Xosé Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón, que “pretenden darlle normalidade a este tipo de acordos, pero en ningún caso pode ser normal que unha Deputación conte co apoio dun presunto agresor sexual e que un concello como Monforte teña de alcalde un presunto agresor sexual”. Ademais, subliñou o apoio do PP as vítimas, que anunciaron que acudirán á Fiscalía “porque o socialismo non quere saber delas”.
“Queda claro que, como en Leiro e no conxunto de Galicia, o lugar común da gran maioría, onde se sente máis identificada, segue sendo o Partido Popular”, sinalou durante un percorrido por este municipio da comarca do Ribeiro. Estivo acompañada pola secretaria xeral provincial do PP, Sandra Quintas, e o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández.
Reivindicou o PPdeG como “o partido do rural”, centrado “nas preocupacións da xente” e cunha xestión “pensada por e para o rural, desde a estabilidade e coas medidas do Goberno de Alfonso Rueda para facilitar o asentamento de poboación”. Así, despois de poñer como exemplo e visitar o centro de día de Leiro, lembrou que o PP goberna en Galicia no 60% dos concellos de menos de 5.000 habitantes, como é o caso deste municipio.
Pola súa banda, o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, fixo fincapé na xestión do Partido Popular para “traballar por achegar servizos ao rural”. Así, sacou peito do centro de día do seu municipio, que supón “un servizo fundamental para a veciñanza” e que, ademais, conta cunhas expectativas de crecemento “espectaculares”

















