O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe os traballos de reforma e acondicionamento do lavadoiro e da fonte situados no núcleo de Maside, executados no marco do obradoiro de emprego Agrupación Carbosam 2024. Esta iniciativa, apoiada pola Xunta cun investimento global próximo aos 430.000 euros, implicou tamén aos concellos do Carballiño e Boborás.
Durante a visita —na que tamén estivo presente o alcalde do municipio, José M. Iglesias— o conselleiro destacou o valor deste programa no que tomaron parte vinte persoas, combinando traballo e formación nas especialidades de albanelería de fábricas e cubertas e acabados ríxidos e urbanización. Nese sentido, puxo de relevo que este tipo de accións non só contribúen a mellorar a cualificación profesional e a empregabilidade das persoas participantes, senón que tamén teñen un impacto directo no benestar da veciñanza e na mellora de espazos públicos.
Así, ao longo dos nove meses de duración do obradoiro, leváronse a cabo actuacións de rehabilitación e posta en valor de lavadoiros, fontes e contornas en distintos núcleos do concello de Maside —como Costanza, Listanco, Louredo, Maside e As Quintás— así como en Boborás —concretamente en Astureses, Laxas e Nonás—, ademais do acondicionamento da rúa Loureiro no Carballiño.
González explicou que Carbosam 2024 forma parte dos 87 obradoiros duais beneficiados na convocatoria autonómica do pasado ano, na que a Xunta mobilizou máis de 36 millóns de euros. Na provincia de Ourense concedéronse un total de 27 obradoiros que permitiron a máis de 500 persoas combinar aprendizaxe e traballo efectivo. Neste contexto, lembrou que o Goberno galego financia tanto a posta en marcha e o desenvolvemento destas iniciativas como os custos de contratación das persoas participantes e do persoal directivo, docente e de apoio e contempla incentivos para a súa posterior incorporación laboral. Así mesmo, incidiu en que estes programas priorizan a participación de persoas desempregadas con máis dificultades de inserción laboral, como parados de longa duración, retornados, mulleres ou vítimas de violencia de xénero, entre outros colectivos.
José González sinalou que a Xunta considera esencial a colaboración coas entidades locais e que, por este motivo, en 2026 se reforzou e reformulou a convocatoria co obxectivo de incrementar a eficacia desta ferramenta. Explicou que a prioridade pasa por mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que se contribúe a cubrir necesidades reais de man de obra en sectores estratéxicos, especialmente no ámbito rural.
Segundo indicou, a convocatoria correspondente a este ano —actualmente en fase de resolución— conta cun orzamento que se incrementa ata os 48,1 millóns de euros, reforza a vertente práctica e incorpora novidades relevantes. Entre elas, destacou a reserva de 20 millóns de euros para obradoiros que impartan certificados profesionais vinculados ás familias profesionais agraria e de seguridade e medio ambiente, especialmente nas áreas relacionadas coa prevención e extinción de incendios forestais, unha cuestión que cualificou de prioritaria para territorios como a provincia de Ourense. O conselleiro tamén subliñou que, co fin de facilitar a xestión das entidades promotoras, se establecen anticipos do 100 % da anualidade correspondente a 2026 unha vez notificada a resolución de concesión das axudas. Do mesmo xeito, avanzou que se reforzan os incentivos á inserción laboral, duplicando as contías dirixidas ás empresas que contraten persoas participantes ao remate do obradoiro e incorporando, como novidade, un incentivo específico para os concellos promotores por cada contratación efectuada.

















