O Xeodestino Ribeiro-O Carballiño presentou a súa oferta en FITUR, centrada na gastronomía tradicional e nas súas principais valedoras, as mulleres cociñeiras do rural. Unha presentación baseada no proxecto “Sabedoras do saber e do sabor. Cociñas e cociñeiras memorables do Ribeiro-Carballiño”, desenvolto no marco do seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) e que homenaxea a cociña tradicional dos 21 municipios incluídos neste xeodestino a través das súas cociñeiras históricas.
Unha presentación realizada no stand de Galicia en FITUR, o certame internacional de turismo máis importante por volume de participantes e asistentes con 9.500 empresas de 156 países e máis de 155.000 visitantes profesionais. Aló, Francisco José Fernández, presidente do Xeodestino Ribeiro-O Carballiño, estivo acompañado polo director e a subdirectora da Axencia Turismo de Galicia, José Manuel Merelles e Carmen Pita; o presidente do INORDE, Rosendo Fernández, e polo director do proxecto “Sabedoras”, Xoel Méndez.
Un acto ao que asistiu o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, así como os alcaldes de Ribadavia, César Fernández, e Castrelo de Miño, Avelino Pazos; ademais do tenente de alcalde do Carballiño, José Castro, que estivo acompañado do concelleiro de Turismo e Industria, Manuel Dacal, e ioutros representantes do 21 concellos que conforman o xeodestino.
Francisco José Fernández destacou que “o Ribeiro-Carballiño é unha terra de viño, de Pan de Cea, de Pementos de Arnoia, de anguías de Castelo de Miño, de froitas, de peixes… Unha terra rica en recursos e rica en cociña. Unha cociña que conta historias e convida ao que a degusta a viaxar no tempo e descubrir a esencia da nosa terra”. Neste sentido, convidou aos presentes a degustar “dunhas receitas tradicionais elaboradas con todo o agarimo do mundo polas nosas avoas. Uns pratos de alta cociña, auténticos manxares cuxo segredo pasou de nais a fillas e que dende o Xeodestino quixemos que seguiran vivas non só nas nosas memorias, senón tamén nas cartas dos nosos restaurantes, xa que son a esencia do noso territorio”.
Pola súa banda, Xoel Méndez, explicou o traballo de investigación antropolóxica realizado nestes últimos meses e que permitiu a edición dunha guía, “Sabedoras; Cociñas e cociñeiras memorables do Ribeiro-Carballiño”, que recollen as propostas realizadas a través das cociñeiras dos restaurantes máis representativos dos 21 municipios que integran este xeodestino. Unhas mulleres que sosteñen a identidade dunha cociña fondamente vencellada ao territorio.
O proxecto “Sabedoras: Cociñas e cociñeiras memorables do Ribeiro-Carballiño” foi desenrolado no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Ribeiro-O Carballiño e contou coa colaboración dos 21 concellos que conforman o xeodestino: Arnoia, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Irixo, Leiro, Maside, Melón, Padrenda, Piñor, Pontedeva, Ribadavia, Punxín, San Amaro e San Cristobo de Cea.
















