A CEO informa sobre as axudas en vigor para o tecido empresarial

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Conecta Ourense e a Xunta a través do Igape e a Oficina Económica de Galicia organizaron esta xornada técnica
 

  • Os responsables da Oficina Económica do Igape expuxeron as claves destas axudas nunha xornada celebrada en formato online
  • As liñas de apoio enmárcanse nos ámbitos da innovación, competitividade, internacionalización e financiamento
  • Como novidade, a sesión contou con intérprete de Lingua de Signos Española

Ourense, 23 de xaneiro de 2026_ A recente publicación das liñas de apoio do Igape para distintos sectores e ámbitos de actuación, propiciou a celebración esta mañá dunha sesión online que recompilou a explicación de ata trece axudas pertencentes as áreas de innovación, financiamento, competitividade e internacionalización, e na que participaron ao redor de medio centenar de persoas.
 
A Xunta e a CEO, no marco da iniciativa Conecta Ourense, organizaron a xornada para dar conta dos detalles destas convocatorias, trece en total, publicadas neste mes de xaneiro e das que algunhas mesmo comezará o prazo de presentación a próxima semana. Precisamente a oficina Conecta Ourense, creada pola CEO co apoio da Xunta, materializa o soporte para que empresas e autónomos podan tramitar estas solicitudes, neste termo incidiu na presentación da xornada David Martínez, contador da entidade empresarial, quen resaltou que esta oficina establecida hai 4 anos funciona como ‘facilitadora e orientadora para acadar o obxectivo de que pemes e profesionais autónomos podan concorrer e tramitar con éxito estas e outras axudas’.
 
A xornada foi accesible para persoas xordas ao contar con Intérpretes de Lingua de Signos Española da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), facilitando o acceso á información e participación activa das persoas xordas interesadas.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



 
Para entrar na materia dos termos das axudas, a xornada contou coa presenza de Carla García, Técnica Responsable das Oficinas Sur da Oficina Económica do Igape, quen fixo unha radiografía dos distintos tipos de apoios e aportou pinceladas sobre as finalidades e requisitos dalgunhas delas, emprazando tamén aos asistentes a participar nos webinar que a Oficina Económica de Galicia convoca para cada unha das liñas de apoio.
 
En canto ao primeiro bloque, destacou que estas axudas á innovación promoven a I+D+i en procesos e organización, o deseño, a intelixencia artificial e a transferencia de coñecemento, apoiando tanto grandes proxectos colaborativos como iniciativas dirixidas ás pemes, co obxectivo de incrementar o valor engadido e a capacidade tecnolóxica do tecido empresarial galego: Industria Innova, Igape Innova ou o Ticket Innova atópanse nesta categoría.
 
Os apoios á competitividade trasládanse mediante 3 liñas que perseguen a mellora da mesma nas empresas mediante investimentos produtivos, modernización de procesos, profesionalización da xestión (Re-acciona), crecemento de startups e atracción de novos proxectos empresariais a Galicia, favorecendo a creación de emprego e o reforzo do tecido produtivo.
 
As liñas de apoio da área de internacionalización (Galicia Exporta orientada a Empresas e a Organismos Intermedios, e Programa Foexga) fomentan a saída aos mercados exteriores a través da promoción internacional, a participación en feiras e misións comerciais, o márketing internacional, a internacionalización dixital e as accións cooperativas lideradas por organismos intermedios e cámaras de comercio.
 
E, para finalizar, o repaso destas liñas vixentes incluíu as relativas ao apartado de financiamento, con instrumentos financeiros orientados a facilitar o acceso ao crédito, con préstamos, avais e reavais, bonificación de xuros e comisións, apoio ao circulante, ao investimento, á innovación e á reestruturación de débedas, mellorando a liquidez e a solvencia das empresas.
 
Antes de finalizar a sesión, a relatora tamén resolveu consultas concretas relacionadas coa preparación e presentación das solicitudes, proceso para o que tanto a Oficina Económica de Galicia como Conecta Ourense prestan o asesoramento e orientación precisas de cara á súa tramitación. 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------