Ribadavia traspasa a Segovia a presidencia da Red de Juderías de España

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia pechou onte unha etapa destacada de liderado institucional tras o traspaso da presidencia da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad, celebrado este venres no stand de Castela e León en FITUR 2026. O alcalde de Ribadavia, César Fernández, fixo entrega oficial da presidencia ao alcalde de Segovia, José Mazarías, nun acto que puxo en valor o traballo desenvolvido pola Rede nos últimos anos.

Este cambio de presidencia prodúcese nun contexto especialmente positivo para a Red de Juderías, que vén de ser distinguida co premio ao “Proxecto Innovador de Destino” nos IX AMT Smart Destinations Awards, un recoñecemento que destaca a súa aposta pola innovación, a dixitalización e a xestión sostible dos destinos integrantes dos Caminos de Sefarad.

Durante a feira, César Fernández participou como presidente saínte na defensa da candidatura premiada, subliñando o valor cultural e turístico dos 27 municipios que conforman a Rede, entre os que se atopa Ribadavia como unha das vilas con maior tradición e peso histórico dentro do proxecto.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Ao longo desta etapa, Ribadavia contribuíu activamente á proxección nacional e internacional da Red de Juderías, reforzando a súa presenza en feiras e foros especializados e impulsando novas liñas de colaboración institucional. Entre os fitos acadados en FITUR 2026 destaca tamén o nomeamento da Rede como “Embaixadora de Melilla” e a sinatura dun convenio coa Confederación Española de Axencias de Viaxes (CEAV), orientado a fortalecer o turismo cultural e de calidade nos municipios membros.

No acto de traspaso presentouse ademais o traballo desenvolvido polas novas cidades incorporadas á Rede (seis durante a presidencia de Ribadavia, a incorporación máis numerosa dende a creación da asociación) e fíxose entrega dun detalle institucional a cada un dos municipios integrantes.

Con este relevo, Ribadavia conclúe unha etapa de gran éxito na presidencia da RJE que reforzou o seu papel dentro da mesma, ao tempo que a capital do Ribeiro consolida o seu compromiso coa posta en valor do patrimonio histórico e cultural sefardí, e aumenta tamén a súa proxección nacional e internacional.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------