REMATA UN CURSO; AS DÚBIDAS SOBRE O RADÓN, NON
O Conservatorio do Carballiño pecha o curso con dúas dependencias precintadas, quince espazos por riba dos valores recomendados pola OMS e sen unha planificación pública coñecida para iniciar o curso 2026-2027 con plenas garantías.
Delio Pousa Rodríguez
Presidente da ANPA do Conservatorio de Música do Carballiño. Arquitecto Técnico colexiado (n.º 248), perito experto en incendios e riscos diversos e Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais nas especialidades de Seguridade no Traballo, Hixiene Industrial e Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada. Desenvolveu a súa actividade profesional como experto en peritacións de seguros, técnico de servizos de prevención de riscos laborais e técnico da Fundación para a Prevención de Riscos Laborais de Galicia.

FIGURA 1. O INFORME DO CSIC QUE MARCOU O CAMIÑO
O Concello do Carballiño solicitou ao Instituto de Ciencias da Construción Eduardo Torroja (CSIC) un informe específico para avaliar a inmisión de gas radón no Conservatorio e formular recomendacións técnicas de mitigación. Ese documento con fecha de maio 2025 constitúe unha referencia científica de primeiro nivel para comprender a problemática do edificio e as actuacións necesarias para garantir condicións adecuadas de salubridade.
O QUE TODOS ESPERABAMOS
Despois de meses de obras, dunha importante inversión pública, toda a comunidade educativa esperaba un único resultado: que o Conservatorio puidese iniciar o curso 2026-2027 cun edificio seguro.
Non obstante, os datos publicados tras as medicións posteriores ás obras deixan máis preguntas ca respostas.
Dúas dependencias —a aula 8 de linguaxe musical e o despacho de Dirección— tiveron que ser precintadas ao superar os 300 Bq/m³.
Outras aulas presentan valores de 297 Bq/m³( aula de linguaxe musical) , 293 Bq/m³. (sala de orquestra), 246 Bq/m³.( aula de vento madeira) e 232 Bq/m³ (aula de piano) .
En total, quince espazos do centro continúan por enriba dos 100 Bq/m³ recomendados pola Organización Mundial da Saúde.
A TRANSPARENCIA NON CONSISTE SÓ EN PUBLICAR NÚMEROS

Figura 2. Táboa oficial das medicións publicada pola Concellería de Educación.
A comunidade educativa tivo acceso aos resultados das medicións mediante a publicación desta táboa no taboleiro do IES nº 1 do Carballiño. Porén, estes datos non foron acompañados do correspondente informe técnico de avaliación, documento imprescindible para interpretar correctamente os resultados, valorar a eficacia das medidas de mitigación executadas, explicar as importantes diferenzas entre aulas e acreditar documentalmente que o edificio reúne condicións adecuadas de salubridade para o desenvolvemento da actividade docente.
UN EDIFICIO CON COMPORTAMENTOS MOI DIFERENTES
É difícil explicar que nun mesmo edificio existan aulas con menos de 100 Bq/m³ e outras que superen os 300 Bq/m³.
Un sistema activo de mitigación debería ofrecer un comportamento moito máis uniforme. Esta enorme asimetría require unha explicación técnica.
- ¿Funciona correctamente a despresurización baixo toda a soleira?
- ¿Está equilibrado o sistema de impulsión?
- ¿Existen zonas onde a depresión non chega?
- ¿Verificouse realmente a eficacia do sistema instalado?
- ¿Hai un protocolo de mantenemento dos sistemas existentes?
- ¿Verificouse realmente a eficacia do sistema instalado?
- ¿ Porqué está excluido o risco do radón do Plan de Autoprotección.?
Son cuestións que a comunidade educativa ten dereito a coñecer.
O QUE XA ADVERTIRAN OS EXPERTOS
Neste caso existe unha circunstancia especialmente relevante.
O problema do Conservatorio non foi analizado unicamente polos técnicos da obra.
Foi estudado expresamente polo Instituto de Ciencias da Construción Eduardo Torroja (CSIC) e por especialistas do Laboratorio de Radón de Galicia.
Segundo a documentación técnica emitida para este edificio, as medidas executadas debían completarse cun sistema de ventilación mecánica que garantise unha renovación continua do aire nas zonas ocupadas.
Á vista das medicións posteriores ás obras, esa recomendación cobra hoxe máis sentido ca nunca. Os resultados amosan que o Conservatorio non pode considerarse un edificio autoventilante.
Todo apunta a que a ventilación mecánica permanente constitúe a medida necesaria para ofrecer unha protección homoxénea ao alumnado, profesorado e persoal do centro.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A POLÉMICA DAS MEDICIÓNS
Durante a campaña de medición tamén xurdiu unha controversia.
Diversos membros da comunidade educativa cuestionaron que, nalgúns momentos, puidesen abrirse fiestras durante o período de exposición dos detectores.
Se iso aconteceu, corresponde aos responsables técnicos explicar se esa circunstancia estaba prevista no protocolo de medición e se puido influír na avaliación da capacidade real do edificio para manter concentracións aceptables de radón.
Precisamente este tipo de campañas teñen como finalidade coñecer o comportamento real dun inmoble e determinar se é capaz de garantir unha adecuada renovación do aire por si .
UN CURSO REMATA… SEN UN PLAN COÑECIDO PARA SETEMBRO
Mentres o Conservatorio cambia de equipo directivo, a comunidade educativa continúa sen coñecer:
- o informe técnico completo das medicións;
- a certificación da eficacia das obras;
- a xustificación do cumprimento do DB HS 6 e do Real Decreto 1029/2020;
- un plan de mantemento dos sistemas instalados;
- novas medicións previstas antes do inicio do curso;
- a implantación da ventilación mecánica recomendada polos expertos.
AS PREGUNTAS QUE SEGUEN SEN RESPOSTA
- Por que existen diferenzas tan importantes entre unhas aulas e outras?
- Por que se reabriu o edificio sen facer públicos os informes técnicos?
- Como se certificou a eficacia das obras?
- Por que dúas dependencias permanecen precintadas?
- Implantarase finalmente a ventilación mecánica recomendada polos expertos?
- Con que garantías comezará o curso 2026-2027?
O que reclama a comunidade educativa é algo moito máis sinxelo.
Transparencia.
Información técnica.
Prevención.
Porque cando está en xogo a saúde de centos de persoas non abondan as declaracións tranquilizadoras.
Fan falta informes públicos verificables .
Fan falta explicacións por técnicos.
E fan falta garantías por escrito.
O curso rematou.
Pero as preguntas seguen abertas.
E sería unha magnífica noticia que todas elas obtivesen resposta antes de que, en setembro, volva soar a primeira nota no Conservatorio de Música do Carballiño.

















