Dende o xoves 29 de xaneiro, e ata o martes 10 de febreiro, toda persoa que o desexe poderá participar na selección do cartel que representará a 63ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, que se celebrará do 1 ao 3 de maio de 2026 na alameda de Ribadavia. Os interesados deberán acudir de luns a venres á Casa da Cultura de Ribadavia (rúa Celso Emilio Ferreiro, 4) entre o 29 de xaneiro e o 10 de febreiro (ambos incluídos) en horario de 9,00 a 14,00 e de 16,00 a 22,00 horas para ver na entrada a exposición dos 52 carteis que se presentaron ao concurso. Alí mesmo, se lles fará entrega dun formulario para votar polas cinco obras que máis lle gusten.
Desta preselección sairán elixidas un total de 20 obras, as máis votadas polos visitantes. A selección do gañador do concurso (que será premiada con 1.000€) farase na terceira semana de febreiro cun xurado experto, formado por profesionais das artes gráficas e o deseño, momento no que se fará pública a imaxe e o seu creador.
A organización da Feira do Viño do Ribeiro, integrada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Concello de Ribadavia, convocou a finais de 2025 un concurso de carteis, dirixido a deseñadores e artistas profesionais, para seleccionar o que vai representar a 63ª Feira do Viño do Ribeiro.
A presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, comenta: “con este proceso de selección do cartel da 63ª edición da Feira do Viño do Ribeiro arranca o camiño que nos guiará en forma de imaxe ata a primeira fin de semana de maio coa celebración deste importante evento, na que aproveitaremos para brindar cos viños novos. ”
Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, engade que “con esta preselección por parte do público final, logramos facer máis participativa esta Feira do Viño, involucrando aos veciños e veciñas de Ribadavia e de outras localidades próximas. Facémolos partícipes, para que voten polos carteis que máis lles gusten.”
















