“O noso obxectivo é pasar das boas intencións a unha axenda concreta de accións que beneficie a todos os valdeorreses”, concluíu Luis Menor ao peche da xornada, na que mantivo reunións coa Fundación Delgado Gurriarán, a Ruta do Viño de Valdeorras e o Centro Comercial Aberto O Barco
Valdeorras, 28 de xaneiro de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, cumpriu hoxe cunha nova xornada de traballo na comarca de Valdeorras, un compromiso de mandato que o leva a intensificar a súa presenza no territorio cada mes. No transcurso dos seus encontros coa Fundación Delgado Gurriarán, a Ruta do Viño e o CCA O Barco, o presidente trasladou o apoio firme da institución provincial a proxectos que definen a identidade e o futuro económico da comarca.
“O noso obxectivo é pasar das boas intencións a unha axenda concreta de accións que beneficie a todos os valdeorreses”, concluíu Luis Menor ao peche da xornada que tivo lugar na sede da Deputación, na Casa Grande de Viloira, recalcando que os sectores produtivos desta comarca son absolutamente estratéxicos para a institución provincial, tales como a viticultura e a lousa, .así como o sector comercial e a dinamización cultural.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
En relación á primeira e única fundación cultural de Valdeorras, que está dirixida por Débora Àlvarez, Luis Menor destacou o seu papel estratéxico, lembrando que a Fundación Delgado Gurriarán non só protexe o legado dun poeta que nunca renunciou aos valores democráticos , “senón que nace coa firme intención de unir a comarca e proxectar a nosa cultura ao exterior”. Dende a Deputación manterase e reforzarase a colaboración actual, centrada nos seus gastos de funcionamento, explorando así novas liñas de axudas para a súa sede e reforzar así un proxecto clave que, “ao estar en pleno Camiño do Inverno, axudará tamén a potenciar esta ruta xacobea”.
No que atinxe á Ruta do Viño de Valdeorras, o presidente analizou o peso do sector vitivinícola como motor de desenvolvemento sostible nunca comarca cunha singular riqueza neste eido. No encontro participaron Marcos Prada Ginzo, presidente Ruta do Viño de Valdeorras e presidente tamén da DO, así como a xerente, Cristina Núñez, e a vicepresidenta, Montse Rodríguez.
Precisamente, Menor explicou que o viño en Valdeorras “non é só agricultura ou turismo, é política de territorio. Cada hectárea de viñedo que coidamos activa emprego e fixa poboación no noso rural”. Por iso, a Deputación implícase directamente, a través do Inorde, nun sector que dá identidade ao pobo valdeorrés, dun xeito sostible e acorde ao territorio. “Temos no Godello un dos grandes embaixadores de Ourense no mundo e o noso deber é poñer recursos para que a Ruta do Viño sexa o motor dun novo modelo económico para a provincia”, enfatizou Luis Menor.
“Sen dúbida ningunha, á Deputación correspóndelle colaborar para concretar accións que teñen un gran retorno, algo que está máis que contrastado. En definitiva, desde a institución provincial adoptamos acordos concretos para potenciar un sector estratéxico como é o da viticultura co seu produto estrela que é o Godello”, salientou Menor.
Respecto ao Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco, Menor subliñou no encontro que mantivo co seu presidente, Jacobo Arias, a importancia de apoiar aos autónomos e ao comercio de proximidade. Neste senso, valorou o “traballo fundamental” que realiza este colectivo, cun cento de asociados, para dinamizar o espazo de lecer e comercial da vila. Precisamente, matizou que “o comercio local e a hostalaría son pezas clave para o desenvolvemento do territorio”, motivo polo que garantizou o apoio da Deputación ás súas iniciativas e campañas, tal e como leva facendo desde o inicio do presente mandato provincial, “porque defender o consumo nesta contorna única e aberta é defender a vida das nosas rúas e o traballo dos nosos veciños”.
















