O BNG de Ribadavia traslada ao pleno unha moción de rexeitamento á reforma da Lei de Patrimonio Cultural

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ribadavia presenta neste pleno de xaneiro da Corporación unha moción para esixir á Xunta de Galiza a retirada da modificación da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural. Esta reforma, que o Goberno galego pretende introducir a través da Lei de acompañamento dos orzamentos para 2026, é cualificada polo grupo municipal como un paso atrás na protección do legado histórico.

Dende o BNG salientan que, a piques de cumprirse 10 anos da aprobación da lei orixinal, as sucesivas modificacións foron baleirando a norma de contido e capacidade executiva. A nova proposta da Xunta supón unha “delegación masiva de competencias” nos concellos, que pasarán a asumir a responsabilidade e a xestión do patrimonio malia carecer de medios.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal denuncia, neste sentido, que as administracións locais non dispoñen de persoal especializado, como arquitectos ou arqueólogos, nin dos recursos económicos para actuar axeitadamente. “Os concellos cargarán co orzamento de persoal para asumir unhas competencias que lle son impropias”, sinala o texto da formación nacionalista.

A moción advirte de que esta transferencia de responsabilidades, sen o soporte técnico e financeiro correspondente, terá consecuencias directas sobre a conservación dos bens. O BNG alerta de que se producirá unha “total disparidade de criterios” na aplicación da norma dependendo de cada concello, o que derivará nunha desprotección efectiva do patrimonio de todos os galegos e galegas.

Así é que os nacionalistas propoñen á Corporación de Ribadavia dous acordos, O primeiro, “que a Xunta de Galiza retire de xeito inmediato a modificación da Lei 5/2016 contida na Lei de acompañamento dos orzamentos”, e, o segundo, “que se dea traslado deste acordo a todas as forzas políticas representadas no Parlamento Galego para frear unha reforma que consideran unha renuncia da Xunta ás súas competencias exclusivas”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------