Dende o BNG do Carballiño queren sumarse á preocupación e malestar da sociedade carballiñesa polo mal funcionamento da sanidade no noso concello e na comarca. Responsabilizan ao goberno municipal desta situación no ámbito local, por non poñerse á fronte da demanda social, petando nas portas de onde se toman decisións sobre a sanidade galega, esixindo solucións aos problemas de funcionamento da atención primaria así coma melloras e reforzo desta.
Do mesmo xeito, responsabilizan tamén a gobernos anteriores, que tampouco tiveron na súa axenda o reforzo do sistema sanitario no Carballiño, “quedando todo en falsas promesas, como o anunciado hospital comarcal. Nada se fixo, nin tan sequera procurar solo dotacional sanitario a través de modificacións do PXOM ou da adquisición de terreos. Esta deixadez tornouse en problema, pola falla de consenso á hora de escoller a nova situación do futuro centro de saúde, que nunha decisión, non exenta de polémica, deixará á nosa vila sen estación de autobuses”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Os nacionalistas carballiñeses apuntan que “temos que ser conscientes de que o deterioro da sanidade non o podemos reducir soamente ao ámbito local, senón que é un problema que se estende por todo o país. E non hai máis culpábel que a Xunta de Galiza co PP á fronte, coas súas políticas encamiñadas ao desmantelamento do sistema sanitario público favorecendo os convenios coa sanidade privada así coma a eliminación da atención primaria, levándonos cara a centralización en grandes complexos hospitalarios. Medidas que atopan a oposición frontal dos profesionais da saúde, que en innumerábeis folgas e manifestacións levan expresado a súa postura e o rexeitamento sistemático aos recortes da Consellaría de Sanidade, aumentando as listas de espera, deixando vacantes sen cubrir e impoñendo condicións laborais abusivas que repercuten na calidade do servizo e na saúde do propio profesional, co único obxectivo de regar con cartos públicos outros centros privados, a base de externalizar as consultas”.
O BNG suliña que “resulta chamativo, que a Xunta de Galiza constrúa un novo centro de saúde, de dous millóns de euros, no veciño concello de Boborás, con menos poboación que O Carballiño, pero coa alcaldía en mans do PP, onde esta infraestrutura non suporá, nin aumento de profesionais, nin mellora real dos servizos, proporcional ao número de habitantes. Mentres tanto, en concellos coma o noso, con gravísimas carencias na atención sanitaria primaria e a falla de pediatras, a inversión é insuficiente. Un exemplo mais da incapacidade daqueles que se autodenominan bos xestores, pero que acaban dilapidando os cartos de todos en decisións de marcado carácter clientelar.
Dende o BNG do Carballiño aseguran ter claro que “cando os que gobernan non escoitan as demandas do pobo, o único que lle queda a este é organizarse e facer público o seu descontento, a través da protesta e da mobilización. Nós aí estaremos acompañando a veciñas e veciños e aos profesionais que nos coidan todos os días na rúa, mais tamén seguiremos loitando nas institucións onde teñamos representación pola defensa dun sistema público de saúde e de calidade”.
Así, fan un chamamento “á sociedade carballiñesa e comarcal para que se sume ás mobilizacións pola defensa da sanidade no noso país, como a do vindeiro domingo 1 de febreiro en Compostela, promovida pola plataforma SOS Sanidade Pública, da que o BNG forma
parte”.

















