Expourense acolleu esta mañá a reunión do comité asesor de Previsel, o Salón da Prevención e Seguridade Laboral que celebrará a súa 19ª edición no recinto os días 11 e 12 de marzo e que suporá o arrinque do calendario feiral para este 2026. Esta reunión contou coa participación dunha vintena de expertos en prevención e saúde laboral que fixeron as súas achegas para elaborar o completo programa de actividades que Previsel ofrece en cada edición. Todas as entidades representadas no comité e que representan á administración, empresarios, traballadores, mutuas e servizos de emerxencia, participarán activamente nesta edición programando actividades formativas e mobilizando aos seus membros para que asistan ao evento.
Como é habitual, Previsel ofrecerá información especializada en prevención a través do seu programa de actividades que incluirán conferencias e obradoiros prácticos que terán como obxectivo concienciar sobre a necesidade de formación en seguridade, prevención de riscos e igualdade ou enfermidades profesionais. Nesta edición, prestarase especial atención á saúde mental con actividades que abordarán a xestión do estrés ou a prevención do suicidio na contorna laboral. Ademais, haberá varios obradoiros vencellados á xestión de emerxencias en casos como o “gran apagón” ou en catastrófes provocadas por fenómenos metereolóxicos adversos.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Pola súa parte, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia- TESGALICIA aproveita a celebración de Previsel para organizar a noveda edición das súas xornadas de formación na que participarán profesionais procedentes de distintos puntos de España e Portugal. O programa completo de actividades será publicado na web do evento www.previsel.com nas vindeiras semanas.
Por outro lado, Previsel 2026 contará cun área expositiva na que serán presentados produtos e servizos especializados en prevención, seguridade e saúde laboral. A participación nesta cita supón unha boa oportunidade para os profesionais do sector, pero tamén para emprendedores, traballadores, futuros traballadores, para intercambiar experiencias e actualizarse dos últimos avances nestas materias.
A esta reunión, que estivo dirixida polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, asistiron unha vintena de profesionais pertencentes a toda a cadea de axentes sociais involucrados na prevención. Participaron nesta reunión representantes do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA); das Xefaturas Territoriais da Xunta de Sanidade, de Medio Rural e de Emprego, Comercio e Emigración; do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreirosl; da Inspección de Traballo da Seguridade Social; do Gabinete de Prevención da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e do Parque de Bombeiros de Ourense.
Os colexios profesionais tamén estiveron moi ben representados coa participación de membros dos Colexios Oficiais de Avogados, Arquitectos; Arquitectos Técnicos; Enxeñeiros Técnicos Industriais. Como é habitual, Previsel conta tamén coa implicación dos sindicatos con maior presenza en Galicia. Neste encontro participaron representantes da CC.OO e da UGT Ourense.
Este evento, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do ISSGA e do Servizo Galego de Emerxencias e tamén da Deputación Provincial de Ourense, consolídase como a única exposición deste tipo en Galicia e que consegue a implicación activa de todos os axentes vinculados á prevención: administración, empresarios, sindicatos, mutuas, profesionais. asociacións ou servizos de emerxencia entre outros.

















