Un amplo programa preparado minuciosamente e destinado a tódolos públicos co claro obxectivo de seguir impulsando unha celebración senlleira e que conta con gran aceptación no barrio de Ponte Canedo
Un dos pratos fortes desta nova edición será o pregón-sermón a cargo do creador de contido, Santiago Caamaño, máis coñecido como Champi Muros, que intervirá o luns día 16 de febreiro a partir das 19:30 horas dende a balconada da cafetería Don Gaetano
Dende a Asociación Cultural explican que a meta deste ano “é seguir fomentando a participación dos pontinos, as pontinas, os ourensáns e as ourensás no Entroido de Frei Canedo e superar as cifras do ano pasado, cando máis de 35.000 persoas pasaron pola carpa ao longo dos días que durou o Entroido”
A Ponte Canedo, 5 de febreiro de 2026. A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte presenta o seu programa de actividades e festexos para o Entroido 2026, que comezará o xoves 12 de febreiro e finalizará na madrugada do luns ao martes de Entroido. Un amplo programa preparado minuciosamente e destinado a tódolos públicos, co claro obxectivo de seguir impulsando unha celebración senlleira e que conta con gran aceptación no barrio de Ponte Canedo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Un ano máis dende a Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte apostan pola innovación, por novas actividades e por seguir impulsando as xa existentes e que foron un éxito ao longo das últimas edicións. O obxectivo segundo explican dende a asociación “é seguir fomentando a participación dos pontinos, as pontinas, os ourensáns e as ourensás no Entroido de Frei Canedo e superar as cifras do ano pasado, cando máis de 35.000 persoas pasaron pola carpa ao longo dos días que durou o Entroido”.
O parque da Ribeira de Canedo volverá a ser, un ano máis, o epicentro das celebracións de Entroido de Frei Canedo. Un dos pratos fortes desta nova edición será o pregón-sermón a cargo do creador de contido, Santiago Caamaño, máis coñecido como Champi Muros, que intervirá o luns día 16 de febreiro a partir das 19:30 horas dende a balconada da cafetería Don Gaetano. Dende a asociación sinalan que “apostamos por un referente no mundo das redes sociais, que traspasa fronteiras e que chega ao barrio da Ponte con moitas ganas de facer a xente pasar un gran rato e atraer especialmente as novas xeracións”.
Cabe destacar un ano máis que o cartel oficial do Entroido foi escollido tras un concurso público, no que participaron numerosas persoas. A Asociación Cultural volve apostar un ano máis polo concurso de escaparates entre os negocios do barrio co obxectivo de “potenciar a súa participación no Entroido”. Para participar so deben inscribirse e decorar os seus establecementos con adornos de Entroido e con referencias ao ilustre cofrade Frei Canedo. Destacan tamén que este ano “aumentamos os premios no concurso de comparsas, que se celebrará durante a solemne procesión-desfile do luns de Entroido a partir das 20:00 horas, deste xeito haberá 3 premios para as comparsas con maioría de adultos participando nas mesmas e 2 premios para aquelas na que a súa maioría sexan cativos, escolas, Anpas e persoas menores de idade”.
O pistoletazo de saída será un ano a Gran Festa de Comadres, que terá lugar o xoves 12 de febreiro e que por segunda vez se celebrará na carpa no Parque de Ribeira de Canedo, sendo un evento aberto a todo o público. O evento consistirá nunha cea popular cun menú variado composto por callos, carne richada con guarnición, pan, bica, café, chupito, refrescos, auga e viño e a un prezo de 25 euros. As entradas están xa á venta no local da Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte, na barbería Sers Barber, na Cervexería Milmañas e no MiraMaruxiña. O prazo para mercar as entradas finalizará o mércores 11 de febreiro. Ademais da cea, haberá baile de disfraces e actuacións musicais a cargo de King Dawit e do Dúo Maratón. O único requisito, tal e como manda a tradición, é que tódalas persoas deben ir disfrazadas de muller.
O venres 13 de febreiro os cofrades e as cofradesas de Frei Canedo participarán no tradicional desfile que organiza o Concello de Ourense polas rúas do casco vello. Posteriormente e a partir das 21:00 horas na carpa de Ribeira de Canedo haberá diferentes actuacións musicais e consolídase por terceiro ano consecutivo a Festa DJ, na que ata 4 dos máis recoñecidos DJ´s da cidade actuarán en directo para o deleite dos presentes.
O sábado 14 de febreiro os festexos arrancarán cun pasarrúas polo barrio da Ponte, a cargo de Cantares da Cunha, que amenizarán musicalmente o paso de Frei Canedo polas distintas rúas e negocios do barrio a partir das 12:00 horas. Xa pola tarde, haberá música na carpa e baile de disfraces, que se prolongará ata as 23:00 horas, cando chegará a actuación da Orquestra La Noria.
O domingo estará un ano máis dedicado as crianzas que desfrutarán de diversas actividades dende pola mañá. Haberá xogos populares e tradicionais, talleres de maquillaxe e pintura, animación, concursos e un ano máis un taller de queixos ofrecidos por Vallelongo, no que os máis pequenos poderán desfrutar elaborando o seu propio queixo. Pero non só os pequenos terán actividades, posto que tamén haberá sesión vermú a partir das 12:00 do mediodía a cargo de Verbena Disco e Noray Vilas e a partir das 13:30 horas comezará o xantar, con polbo, empanadas, carne ao caldeiro, pan e bebidas, que se poderán mercar na propia carpa. Ás 19:30 horas terá lugar unha actuación enfocada aos máis pequenos, o GOT TALENT DO FREI CANEDO. Tras unha tarde de xogos e actividades para os máis pequenos, as celebracións rematarán ás 21:00 horas co concerto do grupo ourensán Santa Compaña.
O luns 16 de febreiro volverá a ser un ano máis o día grande en Frei Canedo da Ponte. Un ano máis os festexos comezarán xa pola mañá, cun novo pasarrúas a cargo de Aperta Percusión a partir das 12 do mediodía que acompañarán a Frei Canedo no seu percorrido polas rúas e negocios do barrio. Xa pola tarde a partir das 18:30 horas comezará a xuntanza de cofrades e cofradesas arredor da capela. A partir das 19:00 horas terán lugar os solemnes actos co bautismo dos novos cofrades, a bendición da súa santidade, a entrega dos premios do concurso de escaparates e do cartel, e a purificación do potefumeiro, para dar paso ao prato estrela, o pregón-sermón que nesta edición correrá a cargo de Champi Muros a partir das 19:30 horas dende a balconada da cafetería Don Gaetano.
Xa a partir das 20:00 horas arrancará a solemne procesión de Frei Canedo, onde se agarda unha presenza masiva de comparsas no desfile, que un ano máis participarán nun concurso para elixir as tres mellores na modalidade de adultos e as dúas mellores na modalidade infantil, pasando este ano os premios de 3 a 5. Un evento que ano tras ano aumenta a participación da veciñanza e que congrega a milleiros de persoas nas rúas polas que transita, a saber, Ribeiriño, Avenida das Caldas, Xesús Pousa, Rúa San Froilán e novamente a Avenida das Caldas. Unha vez finalizado o desfile farase entrega dos premios. Trala solemne procesión haberá música na carpa, e a partir das 00:00 horas actuación a cargo da orquestra Solara. Ás 23:45 horas lanzarase o tradicional folión de fogos de artificio.
Dende a Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte agradecen a colaboración, un ano máis, do Concello de Ourense, de Aceites Abril, e de tódolos negocios e empresarios que colaboran desinteresadamente para que o Entroido sexa unha realidade. Frei Canedo convida a tódalas persoas a participar nos festexos e actividades e deséxalles un feliz Entroido.
VIVA O ENTROIDO!! VIVA FREI CANEDO!!

















