Os participantes poderán visitar un total de 12 destinos entre os meses de abril e decembro
I A programación de viaxes da Obra Social de ABANCA, unha actividade altamente demandada, enmárcase nas propostas de lecer activo e relacional promovidas pola entidade
11.02.2026. Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta o seu programa de viaxes de lecer e cultura para persoas maiores de 55 anos para este ano 2026. A oferta abarca desde destinos nacionais, como Córdoba ou Valencia, ata internacionais entre os que destacan Tunes, un cruceiro por Croacia e Montenegro, ou Córsega e Sardeña. O prazo de solicitude de inscricións abrirase o vindeiro xoves 19 de febreiro ás 10.00 h.
A Obra Social de ABANCA comezou a incluír as viaxes na súa programación de actividades en 2016. Ademais do turismo e do coñecemento de destinos de interese en todo o mundo, as viaxes están pensadas para apoiar a dinamización das relacións entre participantes. Dous membros do equipo de Afundación acompañan ás persoas viaxeiras en cada destino.
Desde Córdoba ata Camboxa
En 2026, o programa de destinos peninsulares inclúe unha saída a Córdoba do 9 ao 14 de abril; unha visita a Teruel do 24 ao 29 de maio e outra a Valencia do 6 ao 11 de setembro.
En canto a destinos internacionais, o primeiro será o norte de Italia do 10 ao 14 de abril. Ámsterdam será a seguinte proposta cunha estancia do 30 de xuño ao 4 de xullo. O programa continúa cun cruceiro polo Mar Adriático con visitas a Croacia e Montenegro, do 16 ao 23 de xullo. No mes de setembro, os destinos posibles son Córsega e Sardeña, do 4 ao 11, e en outubro Tunes, do 18 ao 25. Para pechar o programa, Vietnam e Camboxa, do 2 ao 14 de decembro.

Toda a información sobre o programa de viaxes, dispoñible na web de Afundación.
Viaxar en grupo, fonte de benestar
O programa de Viaxes + 60 de Afundación enmárcase nas propostas de lecer activo e relacional promovidas pola entidade. «Viaxar achega numerosos beneficios para o benestar físico, psíquico e emocional. Este cambio de rutina, a calquera idade, permite desconectar das preocupacións diarias e xerar emocións positivas e o contacto con outras formas de vida favorece o autocoñecemento e axuda a valorar máis a propia contorna e os logros persoais», subliña Sabela Couceiro, coordinadora da área de Envellecemento Activo de Afundación.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Por outra banda, desde a perspectiva das persoas participantes, viaxar en grupo proporciona unha maior seguridade, facilita a xestión de imprevistos e motiva para participar en actividades que noutro formato non se realizarían. Ademais, engade Sabela Couceiro, «as viaxes en grupo favorecen a socialización e a creación de novos vínculos que se reviven posteriormente ao compartir anécdotas e fotografías. Como se adoita dicir, vívense tres veces: cando se soñan, cando se gozan e cando se lembran».

Entidade de referencia no traballo en envellecemento activo
Os programas grupais da área de Maiores de Afundación fomentan a socialización, a aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de proxectos interxeracionais e de voluntariado.
Toda esta proposta programática impúlsase desde os once Espazos +60 cos que a Obra Social de ABANCA conta en toda Galicia. Con vocación inclusiva e innovadora, deséñase poñendo no centro ás persoas maiores, codeseñando con elas as propostas nas que participan, para contribuír a erradicar o idadismo, seguir avanzando cara a unha sociedade libre de estereotipos cara ás persoas maiores e poñer en valor as súas experiencias a través de iniciativas colaborativas e formativas.
A programación céntrase en tres ramas principais: a aprendizaxe permanente, a promoción da saúde física, emocional e relacional, e a contribución social a través do voluntariado.

















