As rúas do Carballiño enchéronse de música, cores e diversión no Gran Desfile de Entroido
- As comparsas Asociación Os Parandas do Irixo, Arrieriños de Dacón e O Circo de A Pandilla recibiron o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente
O Carballiño, 17 de febreiro de 2026
O Carballiño encheuse de cor, diversión e música no Gran Desfile de Entroido desta tarde, unha das citas festivas máis esperadas pola veciñanza. Preto de 1.200 persoas percorreron as principais rúas da vila, entre integrantes de comparsas e das agrupacións musicais participantes.
As 15 comparsas candidatas aos galardóns non llo puxeron fácil ao xurado, presidido polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e composto por un membro de cada grupo político da Corporación, un representante do comercio, un representante do movemento veciñal e un representante do ámbito cultural.
O xurado deu a coñecer o seu veredicto durante a actuación do Grupo Noria na Praza Maior. As comparsas gañadoras foron:
1º Premio (1.300 euros): Asoc. Os Parrandas do Irixo – Revolución na colmea
2º Premio (1.000 euros): Guardianes del fuego eterno – Arrieriños de Dacón
3º Premio (800 euros): O Circo de A Pandilla
4º Premio (400 euros): Lendas de sol nacente da Asoc. Entroula
5º Premio (350 euros): As guerreiras azucaradas de Maside
6º Premio (300 euros): Safari da Asoc. Amigos de Partovia
7º Premio (250 euros): Reinas do Lago da Asoc. Lumareda
8º Premio (200 euros): Enredados do monte dos Nevadiños
Tamén se fixeron entrega de 5 accesits de 120 euros ás comparsas:
- A fraga encantada da Costa
- Batu Minions do A.C.E Musical Batucarba
- Costureira sen dedal de Aspadisi
- O Lar do cómic
- Os demos de Armeses
Premio especial (300 euros) á mellor agrupación, por votación das propias comparsas participantes: Guardianes del fuego eterno – Arrieiriños de Dacón.
Un desfile seguro
O Concello do Carballiño agradece ás comparsas e agrupacións pola súa participación e creatividade, que cada ano fai máis especial e colorido o Gran Desfile de Entroido. Do mesmo xeito, o goberno local pon en valor o traballo realizado polas forzas e corpos de Emerxencias (Policía Local, Brigada municipal, Protección Civil e Cruz Vermella) no dispositivo de seguridade do desfile.

















