O Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle a presentación de “Viaxe cinematográfica por Galicia”, un percorrido emocional polos primeiros anos do cinema

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O autor, Emilio C. García Fernández, natural de Ribadavia e catedrático de Historia do Cinema, realizará unha viaxe ás orixes da sétima arte en Galicia

Ribadavia, 18 de febreiro de 2026. – O vindeiro venres, 20 de febreiro, ás 19:00 horas, o Museo Etnolóxico de Ribadavia será o escenario da presentación do libro “Viaxe cinematográfico por Galicia. Unha retrospectiva emocional (1896-1939)”, do autor Emilio C. García Fernández.

A obra, que promete ser un referente para os amantes da historia e o cinema, ofrece un meticuloso percorrido polos primeiros pasos da cinematografía en terras galegas, abarcando desde a chegada do cinema a Galicia en 1896 ata o final da Guerra Civil en 1939. Máis que un ensaio histórico, o libro exponse como unha “retrospectiva emocional”, explorando non só os títulos e os autores, senón tamén o impacto social e cultural que as imaxes en movemento tiveron na sociedade galega da época.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Emilio C. García Fernández, fillo ilustre de Ribadavia (1953), é doutor en Ciencias da Información e conta cunha dilatada traxectoria académica de 37 anos. Como profesor titular e catedrático de Historia do Cinema español e internacional, combinou o seu labor docente cunha intensa carreira investigadora e de xestión universitaria, o que avala a rigorosidade e o agarimo cos que abordou esta obra.

A presentación no Museo Etnolóxico supón un regreso ás orixes do autor, quen compartirá cos asistentes as claves desta investigación, así como anécdotas e reflexións sobre a importancia de preservar a memoria audiovisual do país.

O acto, de entrada libre ata completar aforo, contará coa presenza do autor, que estará acompañado de representantes do ámbito cultural da provincia. Desde a organización convídase a todos os veciños de Ribadavia e comarca, así como a investigadores e curiosos da historia do cinema, a gozar desta cita única coa cultura.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------