A Festa do Pulpo trasládase ó centro do Carballiño cunha vintena de pulpeiras e sen comida no recinto

A situación sanitaria e a evolución da pandemia motivan un ano máis que non se organice a Festa do Pulpo segundo o programa tradicional que se desenvolve no Carballiño o segundo domingo de agosto e que ten o seu espazo referencial no parque municipal e no recinto oficial do xantar do Pulpo.

Publicidade

O día 8 de agosto haberá Festa do pulpo no Carballiño, aínda que a mesma non será no parque municipal senón que se espallará por todo o pobo xa que está previsto que uns vinte pulpeiros instalen as súas caldeiras por diferentes zonas da vila para atender a demanda dos milleiros de visitantes que se acheguen ata o pobo no segundo domingo de agosto. Tradición que se ven mantendo dende hai case que sesenta anos.

Dende o Concello do Carballiño apóstase todos os anos por potenciar a programación cultural e as actividades para todos os sectores de público nos días previos á Festa do pulpo e este ano tamén se contará con propostas para animar e dinamizar o pobo nas xornadas pre-Pulpo.

Logo do Festival de Habaneras, que se celebrará o 31 de xullo, comezará agosto cunha xornada infantil que terá como cita principal a presentación de Octavio, a mascota da Festa do Pulpo. Será o día 1 de agosto. Migallas Teatro pasará polo Carballiño coa súa montaxe <Canta con nós!> o día 2.

E do teatro para os máis cativos pasarase á música clásica. Será o día 3 de agosto e para a ocasión contarase coa presenza da Orquestra Clásica de Vigo. Será o 4 cando se poda disfrutar do concerto da banda Proken Peach e o 6 de agosto volverá ao Carballiño Pablo Milanés para ofrecer un concerto. O mesmo día da Festa do Pulpo, o 8 de agosto, contarase coa actuación do grupo Cantigas e Agarimos.