O grupo municipal de Ribeiro en Común vén de reiterar a súa demanda para a apertura dun Centro de Día en Ribadavia, que entenden está pendente da Xunta de Galicia despois de dúas lexislaturas negándose a crear este servizo nas instalacións do actual Centro Sociocomunitario da vila.
Lembran que no periodo lexislativo 2018/2019 dende Ribeiro en Común presentouse a iniciativa no Parlamento Galego para crear o Centro de Día no actual Centro Social de Ribadavia, sendo compatibles ambos servizos, pero que, sen embargo, o PP, co actual alcalde a cabeza negáronse a esta ubicación.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Apuntan que o Concello admite agora que existe a posibilidade de que a Xunta cree este servizo no actual Centro Sociocomunitario, cando desde o PP sempre se opuxeron, a pesar de que Ribeiro en Común levou en varias ocasións esta proposta ao Parlamento Galego. “Supón isto unha viraxe e unha rectificación importante, despois de estar dúas lexislaturas negándolle a Ribadavia un servizo tan importante”, suliñan dende este grupo político da Corporación ribadaviense.
Ao respecto, reclaman “á Xunta e ao Concello que informen á cidadanía das razóns deste cambio, e esiximos que sexa nesta ubicación ou noutra, cesen no seu abandono de Ribadavia en materias de infraestruturas sociais”. Asemade, demandan que “a Xunta manteña compatibles ambos usos, que a normativa xa posibilita, neste sentido pedimos que se manteña tamén o Centro Socicomunitario, xa que é un importante servizo en Ribadavia e ademais conta cunha importante actividade e número de usuarios”.

















