A Xunta inviste preto de 68.000 euros na urbanización da rúa Poulón, no concello de Castrelo do Val

  • O delegado territorial puxo en valor as axudas concedidas na Orde hUrbe na provincia de Ourense este ano que  suman un total de 768.567 euros da que se beneficiarán 14 concellos
  • O representante do Goberno galego sinalou que este tipo de actuacións que se desenvolven ao abeiro do Plan hUrbe, “ademais de mellorar a calidade de vida dos galegos, é un exemplo dos beneficios que aporta a colaboración permanente e sólida coas entidades locais”
  • Esta obra desenvólvese ao abeiro da Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 5 de marzo de 2021, destinada a establecer unha liña de axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para a creación e mellora das infraestruturas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, acompañado do alcalde, Vicente Gómez, as obras de urbanización da rúa Poulón, no concello de Castrelo do Val, nas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a investir 67.760 euros.

O delegado territorial da Xunta puxo en valor as axudas concedidas na Orde hUrbe na provincia de Ourense este ano que  suman un total de 768.567 euros da que se beneficiarán 14 concellos: Vilar de Santos, A Veiga, Porqueira, Parada de Sil, Oímbra, O Irixo, Esgos, Cualedro, Cenlle, Castrelo do Val, O Carballiño, Boborás, O Barco de Valdeorras e Allariz.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén explicou que a actuación consiste na ampliación do ancho da rúa nunha lonxitude de 387 metros para acadar unha zona segura para o paseo  dos veciños. O pavimento será de formigón na zona peonil e dobre rega, na zona de paso dos vehículos. Introduciranse ademais as instalacións de auga pluviais  e rede de sumidoiros.

O representante do Goberno galego sinalou que este tipo de actuacións que se desenvolven ao abeiro do Plan hUrbe, “ademais de mellorar a calidade de vida dos galegos, é un exemplo dos beneficios que aporta a colaboración permanente e sólida coas entidades locais”, e lembrou “a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local para acometer este tipo de obras que redundan directamente no benestar dos cidadáns na mellora da calidade de vida”.

O delegado territorial subliñou que “a tentativa do Goberno galego é a de buscar unhas vilas accesibles e non unhas vilas illadas; imos tentar unhas vilas habitables e non abandonadas, e que os cidadáns, especialmente do rural, poidan seguir vivindo no seu concello e que vivan o seu concello”.

Esta obra desenvólvese ao abeiro da Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 5 de marzo de 2021, destinada a establecer unha liña de axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para a creación e mellora das infraestruturas. Esta obra está financiada pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo nun 70% do seu orzamento

A obra no concello de Castrelo do Val enmárcanse dentro do Plan hUrbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Xunta co fin de apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Reunión co alcalde

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, mantivo na Casa do Concello un encontro co alcalde, Vicente Gómez, onde analizou as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica.

Así, puxo en valor os recentes investimentos da Xunta, como as axudas do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020 – 2021 de 36.152 euros da Consellería do Medio Rural; as achegas para as obras de abastecemento, saneamento e depuración de 39.223 euros da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, ou as axudas de 29.688 euros da Vicepresidencia primeira para obras de abastecemento, saneamento e depuración da rúa de Pepín.

Encontro co alcalde de Sarreaus

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, tamén se desprazou na mañá de hoxe ao municipio de Sarreaus para manter na Casa do Concello un encontro co alcalde, Gumersindo Lamas, onde fixo repaso dos grandes proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia.

Gabriel Alén tivo a ocasión de tratar xunto ao rexedor temas prioritarios para o seu concello e subliñou os recente investimentos do Goberno galego en Sarreaus como as axudas do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020 – 2021 de 40. 351 euros da Consellería do Medio Rural; as axudas de 23.388 euros da Vicepresidencia primeira para obras de implantación de sistema de control e telemedida en instalación de abastecemento municipal; ou a proposta de convenio coa Secretaria Xeral para o deporte por valor de 50.000 euros para o arranxo da piscina municipal.