O Concello de Ribadavia reforza a súa aposta polo fomento da actividade física para mellorar a calidade de vida da poboación a través do programa “Adestra a túa saúde”. O salón de plenos acolleu esta mañá a presentación do proxecto, enmarcado dentro do Plan Galicia Saudable e coordinado pola Secretaría Xeral para o Deporte. O Concello de Ribadavia, un dous poucos da provincia onde se está a levar a cabo o programa, integrouse o pasado outubro e desde entón xa se sumaron á iniciativa 40 veciños e veciñas.
“O PAC e o Servizo Municipal de Deportes estamos vinculados nunha plataforma, o que permite que os médicos de Atención Primaria nos deriven pacientes que logo son atendidos polos nosos técnicos e aos que se lles deseña un plan de actividade física”, explicou José Manuel Pérez Otero, director do Servizo Municipal de Deportes do Concello de Ribadavia. O programa, totalmente gratuíto, está dirixido a poboación de arredor de 60 anos, ten unha duración de nove meses e revísase cada catro, para avaliar a evolución da persoa.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, xa avanzou a vontade de darlle continuidade: “Desde o inicio decidimos apostar firmemente pola entrada neste programa e xa vemos que o resultado é moi positivo, que os usuarios están moi satisfeitos, e nese sentido, no Concello estamos levando a cabo unha serie de actuacións para mellorar as nosas instalacións deportivas pensando no reforzo deste tipo de proxectos”. Nesa liña, as recentes actuacións no Pavillón Polideportivo xa tiveron en conta a realización de actividades de “Adestra a túa saúde”.
O rexedor puxo o foco na “cooperación institucional” entre o Servizo Municipal de Deportes e o PAC de Ribadavia e louvou o traballo realizado polos profesionais desde outubro. “O programa fundaméntase na idea de que o exercicio físico ten unhas repercusións moi positivas na saúde e os resultados tamén o están demostrando”, resaltou.
Pola súa parte, María Gómez, coordinadora do PAC de Ribadavia, tamén deu conta da satisfacción dos pacientes. “Nós somos a porta de entrada, os que os derivamos ao Servizo Municipal de Deportes, e cando volven a consulta, a percepción é moi positiva. Están moito mellor animicamente e fisicamente”, asegurou a sanitaria, quen recordou que o exercicio físico diminúe o consumo de medicamentos e prevén a aparición de enfermidades crónicas. Gómez tamén destacou a colaboración de médicos e enfermeiros, e avanzou que nos próximos días se incorporará ao equipo unha nutricionista.
Na presentación do programa tamén estiveron presentes representantes de diversos ámbitos da sociedade, como servizos sociais ou terceira idade, co obxectivo de coñecer o seu funcionamento e animar a máis veciñanza a sumarse.
















