Durante a súa intervención, o presidente provincial destacou que “este congreso non é un acto máis, senón unha declaración de principios”, subliñando que falar de muller rural en Ourense “é falar da propia identidade do territorio”
A Pobra de Trives, 21 de febreiro de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense participou esta mañá na inauguración do VI Congreso Nacional da Muller Rural, organizado polo Concello de San Xoán de Río, onde puxo en valor o papel determinante das mulleres na cohesión territorial, no dinamismo económico e na sustentabilidade demográfica da provincia.
Durante a súa intervención, o presidente provincial destacou que “este congreso non é un acto máis, senón unha declaración de principios”, subliñando que falar de muller rural en Ourense é falar da propia identidade do territorio.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Menor fixo fincapé no significado de celebrar esta cita nun municipio “pequeno en poboación, pero enorme en dinamismo”, reivindicando o modelo de San Xoán de Río como exemplo de innovación e capacidade de xestión desde o rural.
“O futuro non depende do código postal, depende da actitude”, afirmou, destacando que os pequenos concellos tamén poden marcar camiño e liderar transformacións.
Na súa intervención, lembrou que as mulleres representan máis do 54% da poboación rural e desempeñan un papel esencial na agricultura, no turismo, na transformación agroalimentaria, no comercio e na vida comunitaria.
“Sen mulleres non hai rural. E sen rural vivo, Ourense perde equilibrio, oportunidades e futuro”, sinalou, incidindo en que o debate sobre a muller rural é estrutural e estratéxico para a provincia.
Compromiso da Deputación co emprendemento feminino
O presidente reafirmou o compromiso firme da Deputación coa fixación de poboación, o emprendemento feminino, a modernización do sector primario e a dixitalización do territorio, apostando por políticas públicas que convertan o rural en sinónimo de oportunidade.
Ademais, agradeceu ás entidades organizadoras —AEMME e TuRepueblas— a elección de Ourense como sede desta sexta edición, cualificándoa como “un recoñecemento ao traballo que se está a facer na provincia”.
A xornada reúne por iniciativa do Concello de San Xoán de Río a representantes institucionais, expertas, emprendedoras e profesionais de distintos puntos do país para compartir experiencias e analizar retos e oportunidades do liderado feminino no medio rural.
















