A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor a implicación dos pescadores no coidado do medio ambiente e da contorna durante unha reunión que mantivo recentemente coas sociedades de pesca Río Viñao e Pontegrande. A conselleira fixo fincapé en que os pescadores contan coa colaboración e man tendida da Xunta para garantir o obxectivo de preservar o estado dos distintos recursos e garantir a sostibilidade desta práctica de cara ao futuro.
Nese senso, Ángeles Vázquez agradeceu a ambas sociedades de pesca, e ao conxunto das existentes en Galicia, o labor que realizan a prol da protección e coidado do patrimonio natural da comunidade. O seu labor é fundamental para manter en bo estado os ríos e gozar deles con actividades como a pesca continental ou paseos pola súa contorna desfrutando da paisaxe.
A maiores, cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático incorporou as licenzas de pesca continental da comunidade á aplicación móbil XuntaEU coa finalidade de facilitar que os seus titulares teñan estes documentos dispoñibles e accesibles en todo momento nesta ferramenta dixital do Executivo galego.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
De feito, a partir desta tempada 2026 estarán dispoñibles tamén nesta aplicación os permisos de pesca, o que multiplica o número de documentos que estes afeccionados terán dispoñibles en XuntaEU pois cada pescador pode adquirir varios permisos ao longo da tempada.
Esta app permite acceder aos principais servizos de administración dixital da Xunta e comprobar a validez dos documentos firmados de xeito electrónico ou consultar os certificados e tarxetas dos que unha persoa é titular co fin de que os teña accesibles a través de distintos dispositivos móbiles.
Ao entrar na aplicación XuntaEU os usuarios terán dispoñible no apartado Tarxetas un código QR que permitirá comprobar a veracidade e validez destes documentos sen necesidade de presentalos en papel ou noutro formato. Isto facilita os trámites e xestións administrativas ante autoridades como os axentes ambientais, de Policía ou do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil, entre outras.
As persoas interesadas en empregar esta funcionalidade deben descargar a app móbil do Executivo galego (dispoñible para os sistemas operativos Android e iOS) e dispoñer de Chave365, DNI electrónico ou dun certificado electrónico.

















