Polígono industrial en Punxín: un punto estratéxico para a creación de emprego na confluencia da N-120 coa A-52

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A necesidade de dispor de solo industrial vén de motivar ao Concello de Punxín á presentación dun escrito ante a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para solicitar un plan especial co obxectivo de crear un polígono empresarial en terreos próximos ao epicentro das principais redes de comunicación que cruzan a comarca.

Neste sentido, o tenente de alcalde de Punxín, Eladio Fernández, salientou en rolda de prensa que “esta é unha importante nova para o Concello de Punxín que levabamos esperando moitos anos”, e recoñeceu que “vén xente a pedir terreo para a instalación de pequenas empresas pero non lle podemos ofrecer nin un metro cadrado”.

O tamén responsable da área municipal de Obras lembrou que “a pesares de ser un concello pequeno, de 4 quilómetros cadrados, por el pasan dúas autovías (AG-53 e A-52), dúas estradas nacionais (N-541 e N-120), o que nos converte nun punto estratéxico”. E é precisamente no entronque da estrada e da autovía que comunican Ourense e Vigo onde o Concello prevé situar o polígono industrial.

“Trátase de 100.000 metros cadrados de solo rústico que haberá que recalificar a chan industrial ao traverso do plan especial, e inicialmente proxectamos nunha primeira fase un total de 20.000 metros cadrados cunha distribución de 10 zonas de 500 metros cadrados cada unha”, apuntou Eladio Fernández. A nivel de servizos básicos, o tenente de alcalde de Punxín manifestou que “os gastos serían mínimos, xa que estes terreos están atravesados por unha liña de media tensión para os recursos enerxéticos, e tamén dispoñen de auga e alcantarillado”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Eladio Fernández indicou que “estamos ilusionados, porque a creación de industria traerá traballo, xeración de riqueza e contribuirá a atraer a novos veciños” a un municipio como Punxín, “que tamén posúe recursos turísticos como o termalismo, o sendeiro do Barbantiño e o Castro de San Cibrán de Lás”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------