A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá as obras da futura residencia municipal de maiores de Piñor, un centro ao que a Xunta destina 1,7 M€ e que contará con 41 prazas. No percorrido polas instalacións, a conselleira estivo acompañada polo alcalde de Piñor, José Luis González, e pola deputada de Políticas Sociais da Deputación de Ourense, Patricia Torres.
Esta actuación forma parte do Plan de Investimentos, dotado con 18,5M€ e co que a Xunta financia unha vintena de proxectos de mellora, reforma ou construción de residencias e centros de día de titularidade municipal. O obxectivo principal deste Plan é dotar aos concellos máis rurais e con menor poboación de servizos de atención aos maiores. No caso de Piñor, o total das actuacións ascende a 1,7 millóns de euros, dos cales o Goberno galego financia con 1,2 millóns de euros as obras e o resto é sufragado pola Deputación de Ourense.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O proxecto de Piñor consiste na modificación e ampliación das instalacións que ata agora ocupaban un centro social. Con esta actuación dotarase ao concello de 41 prazas residenciais públicas para persoas maiores. Fabiola García destacou que o Plan de Investimentos en centros de atención residencial e diúrna de titularidade municipal supón “un impulso histórico da Xunta” á rede galega de atención e coidado a maiores. Así mesmo, fixo fincapé en que o Executivo galego financiará parte das obras con fondos europeos Next Generation do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
Ademais desta residencia, a Xunta está a financiar outra vintena de actuacións con cargo ao Plan de investimentos, ao que se destinan 18,5 millóns de euros de fondos europeos. O programa de intervencións inclúe residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais, e foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e que permitirá crear 682 novas prazas públicas de atención diúrna e residencial. Deste orzamento, 12 millóns de euros, que supoñen o 65% do total do plan, estanse a empregar en proxectos da provincia de Ourense.









