Unha alumna do IES O Ribeiro recibe un premio pola súa orixinal proposta de cartaz para a Feira do Viño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os organizadores da Feira do Viño do Ribeiro, Concello de Ribadavia e Consello Regulador da D.O. Ribeiro, entregaron na sede deste organismo en Ribadavia, un lote-agasallo para premiar a Inês Oliveira Regal, estudante de 2º de Bacharelato na modalidade de Artes Plásticas, Imaxe e Deseño no IES O Ribeiro, por presentar unha proposta artística moi orixinal para participar no concurso de carteis para a Feira do Viño, que terá lugar do 1 ao 3 de maio.

O motivo deste galardón é premiar dun xeito especial a alta participación dos estudantes do centro de ensino ribadaviense, onde o profesorado anima, ano a ano, aos seus alumnos a formar parte no concurso de carteis para a Feira do Viño do Ribeiro, case como un traballo de clase máis.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A obra premiada está creada pola estudante ourensá Inês Oliveira Regal, a través dunha técnica mixta, combinando debuxo a rotuladores de alcohol e témpera sólida. O concepto creativo do cartaz baséase na época da orixe da Feira do Viño, en 1963, na que estaba de moda o estilo desta creación, o Pop Art. En palabras da artista “trátase de transmitir a importancia cultural do viño do Ribeiro e o seu carácter festivo, utilizando unha imaxe simbólica co viño branco como elemento central da celebración”.

Na imaxe vemos, de esquerda á dereita, a Yolanda Gómez, concelleira de Cultura do Concello de Ribadavia; Inés Oliveira, a estudante galardoada; Concha Iglesias, presidenta do Consello Regulador, Gemma Rodríguez e César Tejada, profesores do IES O Ribeiro.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------