O Concello de Ribadavia acolleu esta mañá a presentación oficial de ‘RibeiroCreques’, un novo festival dedicado ás artes do monicreque que se celebrará do 11 ao 14 de xuño de 2026 e que nace coa vocación de converterse nun referente cultural na comarca do Ribeiro e na provincia de Ourense, sendo o primeiro festival deste tipo na provincia e o cuarto en Galicia.
Durante a rolda de prensa, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou o carácter pioneiro desta iniciativa, agradecendo especialmente o impulso do organizador, Luis Vázquez Ovalle (de LuArt Producciones); e o traballo desenvolvido pola concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, ao longo dos últimos meses para facer realidade o proxecto. O rexedor subliñou tamén a importancia da cooperación institucional entre concellos da comarca: “É a primeira vez que organizamos un festival destas características no concello e ademais facémolo cooperando con outros municipios do Ribeiro. Estou convencido de que esta iniciativa marcará un punto de inflexión na axenda cultural da nosa comarca”, sinalou Fernández.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O alcalde lembrou que Ribadavia conta cunha programación cultural moi activa ao longo de todo o ano e especialmente no eido teatral, no que é un referente grazas á MIT; pero que existía aínda un baleiro no ámbito específico dos monicreques, que agora se cubrirá con este novo evento. Tamén agradeceu a colaboración dos concellos de Beade e Leiro, representados na presentación polo alcalde de Beade, Fernando Taboada, e polo tenente de alcalde de Leiro, Moncho Álvarez.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura de Ribadavia, Yolanda Gómez, explicou que a idea do festival xurdiu a partir dunha reunión co titiriteiro e organizador Luis Vázquez, quen lle presentou un espectáculo e co que acabou xurdindo a proposta de crear un festival especializado. Gómez destacou que actualmente non existe ningún evento destas características na provincia de Ourense.
“O nome de Ribeirocreques naceu coa intención de que o festival transcendese Ribadavia e se convertese nun proxecto de comarca”, indicou a concelleira, quen tamén puxo en valor o traballo de Celia, voluntaria da OMIX de Ribadavia, que foi a encargada do deseño do cartel oficial do festival.
O organizador do evento explicou que o festival está promovido por LuArt Producciones e contará cunha programación ampla e variada que reunirá distintas técnicas do teatro de monicreques. Entre elas haberá espectáculos de títeres de luva, títeres de mesa, bunraku, marionetas ou teatro de sombras.
A programación incluirá tamén compañías procedentes de Galicia, Portugal, Navarra e unha agrupación venezolana asentada actualmente en Portugal. Ademais, o festival renderá unha homenaxe a unha titiriteira da comarca do Carballiño, Ana Isabel, pola súa contribución á defensa da lingua galega durante a ditadura.
Ribeirocreques contará con arredor de 32 actividades, entre as que se inclúen espectáculos, pasarrúas, talleres para público infantil e profesional, unha mostra de teatro en miniatura —un formato pouco coñecido baseado en pequenas historias representadas dentro de caixas— e un mercado titiriteiro.
As representacións desenvolveranse en diferentes espazos patrimoniais e culturais da comarca, como a Praza Maior de Ribadavia, a Igrexa da Madalena, a Casa da Cultura, a Alameda, a Praza de Abastos, o barrio de San Roque (en Beade) ou o colexio de Leiro.
Segundo explicaron os organizadores, a maior parte das actividades serán gratuítas, aínda que algunhas terán un pequeno custo de entrada. Ademais, estase traballando na organización dunha mesa de encontro con representantes de institucións culturais como a Agadic e a Deputación para analizar vías de impulso á cultura no rural.
Desde os concellos participantes destacaron a importancia desta iniciativa para reforzar a colaboración entre municipios. O alcalde de Beade, Fernando Taboada, agradeceu que se conte co seu concello nesta proposta, mentres que o tenente de alcalde de Leiro, Moncho Álvarez, expresou o desexo de que no futuro se sumen máis localidades da comarca e mesmo doutros territorios limítrofes.
Co anuncio desta primeira edición, Ribeirocreques aspira a consolidarse como unha nova cita anual dedicada ás artes dos monicreques e a reforzar o papel da cultura como elemento de dinamización social e territorial no Ribeiro.









