Iago Tabarés reclama aclarar a autoría e alcance da intervención na fachada e garantir a restauración dun símbolo da memoria democrática vinculado a Celso Emilio Ferreiro e Pepe Velo
Celanova, 9 de marzo de 2026. O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, rexistra unha iniciativa parlamentaria para demandar explicacións á Xunta de Galiza e reclamar medidas de protección e restauración da histórica pintada “Adiante / Semanario” situada na fachada do Mosteiro de San Salvador de Celanova, tras coñecerse actuacións recentes que poderían ter afectado a este elemento patrimonial.
A iniciativa do deputado nacionalista ten por obxectivo esclarecer se a Xunta tiña coñecemento das intervencións realizadas na fachada do mosteiro, se existe algunha autorización administrativa vinculada á rodaxe audiovisual que tivo lugar na contorna do monumento e se a pintada conta con algún tipo de catalogación ou protección específica dentro da normativa de patrimonio cultural. Así mesmo, desde o Bloque instan ao Goberno galego a determinar a autoría e o alcance dos posibles danos, depurar responsabilidades e impulsar as actuacións necesarias para garantir a restauración e conservación deste elemento singular da memoria histórica galega.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A pintada, realizada nos primeiros anos da década de 1930 por membros das Mocidades Galeguistas, está vinculada á difusión do xornal Adiante, órgano de expresión desta organización durante a Segunda República. Trátase dun dos poucos vestixios materiais conservados no espazo público da actividade política e cultural do galeguismo daquela época. Entre as persoas que participaron na súa realización figuran figuras destacadas da cultura galega como Pepe Velo e Celso Emilio Ferreiro, ambos estreitamente vinculados á vila de Celanova.
Para o deputado nacionalista, o feito de que esta pintada sobrevivise durante máis de noventa anos, incluída a etapa da ditadura franquista, convertea nun símbolo de especial valor histórico e memorial. Ademais, atópase situada nun edificio de extraordinaria relevancia patrimonial como é o Mosteiro de San Salvador de Celanova, un dos conxuntos monumentais máis importantes de Galiza.
Nos últimos días diferentes informacións difundidas en medios de comunicación e redes sociais apuntan á realización de actuacións sobre a fachada que terían afectado parcialmente á pintada, presuntamente no contexto da rodaxe dunha produción audiovisual na contorna do mosteiro e coa finalidade de modificar o fondo escenográfico dunha escena.
De confirmarse estes feitos, o BNG considera que poderiamos estar ante unha intervención que supón a alteración dun elemento de valor histórico e memorial que forma parte do patrimonio cultural de Galiza. “A protección, conservación e defensa do patrimonio cultural galego é unha responsabilidade pública que corresponde ás administracións, especialmente á Xunta no exercicio das súas competencias”, sinalou Tabarés.
Por este motivo, Tabarés tamén rexistrou unha proposición non de lei na que insta ao Parlamento de Galiza a reclamar ao goberno galego que impulse as actuacións necesarias para
determinar a autoría, alcance e responsabilidades desta actuación e adopte as medidas precisas para garantir a recuperación e restablecemento da pintada histórica.
O BNG defende que preservar este tipo de vestixios non só significa protexer un elemento material, senón tamén salvagardar a memoria democrática, cultural e política do País. “Celanova forma parte da historia do galeguismo e do compromiso cultural e político de figuras fundamentais da nosa literatura e da nosa identidade colectiva. A defensa deste patrimonio é unha cuestión de responsabilidade institucional e de respecto pola memoria do país”, concluíu o deputado nacionalista.
















