A conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, asinaron o convenio de colaboración entre Xunta e Concello para a financiación do proxecto de humanización da céntrica rúa Rei de Viana, que contará cun orzamento de 240.000 euros dentro do Plan Hurbe.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, ao abeiro do Plan Hurbe, desprazouse ata a localidade de Leiro para a firma deste convenio. A través desta actuación, abordarase a humanización desta rúa, situada no centro da trama urbana do núcleo de Leiro, así como da praza do mesmo nome que se atopa ao seu inicio.
O obxectivo é mellorar as prestacións deste viario, tanto na circulación rodada como peonil e, deste xeito, acometerase a repavimentación da rúa, que une a Casa Consistorial coa Biblioteca pasando a carón da Igrexa Nova, cunha intervención tamén na rede de saneamento, pluviais, a renovación do acabado das beirarrúas, abastecemento e reparación do mobiliario urbano e substitución de luminarias.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A conselleira destacou a “exemplar” colaboración co Concello de Leiro para traballar conxuntamente nesta actuación de humanización, “que vai supoñer un antes e un despois”. E subliñou o compromiso da Xunta para seguir avanzando “na Galicia Calidade que temos e pola que seguimos apostando”.
A través deste convenio, vixente ata o 31 de decembro, o Goberno galego cofinanciará nun 70% a actuación, cun investimento de case 168.000€, e contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Leiro achegará o 30% restante, uns 72.000€. Os traballos, que se licitarán coa maior axilidade, terán un prazo de execución de cinco meses.
Co Plan Hurbe, a Xunta colabora coas administracións locais no financiamento de diferentes tipos de intervencións urbanísticas e mellora de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
















