
‘Previsel’, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, pechou as portas da súa 19ª edición logo de recibir preto de 3.000 visitas que participaron activamente no programa de actividades que ofrecía 50 accións formativas e que colgaron o cartel de completo durante dúas xornadas. Esta cita rematou coa tradicional entrega de placas ás entidades colaboradoras do evento e entre os que reúnen a todos os axentes involucrados na prevención e nas emerxencias: administración, empresas, sindicatos, colexios profesionais, servicios de urxencias e emerxencias e centros de Formación Profesional aos que este ano se sumaron colectivos sociais vencellados coa saúde dos cidadáns como a Asociación Española contra o Cancro ou a Asociación Diabética Auria. Ademais destacou a participación da BRILAT e da Policía Nacional.
O acto de clausura contou coa participación do Director Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, que fixo fincapé na importancia da prevención para evitar a intervención dos servizos de emerxencias e fixo un repaso polos acontecementos do último ano que foi especialmente duro para estes servizos que souberon estar á altura das circunstancias (apagón, vaga de incendios no mes de agosto, cadea de borrascas dos últimos meses…). Precisamente a Axencia Galega de Emerxencias, AXEGA, foi un dos expositores desta edición traendo ata o recinto unha bomba de achique de gran caudal, unha das poucas que hai en toda España, que participou nas emerxencias da DINA de Valencia e que ten a capacidade de achicar 50.000 litros de auga por minuto.
Pola súa parte, o director xerente, Rogelio Martínez, durante o acto de clausura “como organizadores do evento, supón unha enorme satisfacción ver a resposta sempre positiva recibida polas distintas administracións, asociacións empresariais, sindicatos, colexios profesionais e servizos de emerxencias cando se lles solicita colaboración para organizar Previsel. Queda patente o interese de todos os que hoxe nos acompañan para que as cousas se fagan ben, garantindo non só a seguridade do traballador, senón tamén a súa saúde e benestar laboral”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O acto de clausura de Previsel que tivo lugar este mediodía serviu un ano máis para recoñecer o traballo e a colaboración das corenta entidades que organizaron o programa de actividades. Todos eles contribuíron a demostrar que, para acadar o obxectivo de “sinistralidade cero” son básicos os conceptos de prevención e protección ao risco para eliminalo ou minimizalo que poñen no centro á figura do traballador e que garante empresas seguras e saudables. Nesta edición tamén se abordaron outros temas vencellados co benestar do traballador como os obradoiros de prevención do suicidio ou os de xestión do estrés.
A Confederación Empresarial de Ourense, CEO, impartiu hoxe en Previsel un seminario que presentou os riscos de xogar á ruleta coa prevención e a seguridade laboral. Outra das entidades que aproveitou a celebración do salón para impartir formación especializada aos seus asociados foi a Fundación Laboral da Construción de Galicia que organizou unha xornada teórico-práctica sobre o control operacional básico na obra. Tamén, en colaboración coa Asociación de Construtores de Ourense, ACO, impartiu unha xornada sobre as Oportunidades de Emprego neste sector.
Relacionada con este sector estivo a mesa de debate que analizará o novo Regulamento de Seguridade contra Incendios (SCI) abordando as obrigas, responsabilidades e repercusións na seguridade laboral e na seguridade cidadá na que participaron representantes dos colexios profesionais vencellados coa construción e os accidentes laborais (enxeñeiros técnicos agrícolas, arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros técnicos industriais e avogados).
A CIG pola súa parte, organizou hoxe unha xornada sobre a prevención e seguridade dos traballadores en catástrofes e fenómenos meteorolóxicos adversos.
Previsel 2026 contou co apoio principal do ISSGA e coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, ademais de Renfe.
Remata así a primeira cita do calendario feiral de Expourense para o 2026. As seguintes citas feirais serán en dúas semanas coa celebración da segunda edición da Feira da Educación (25 e 26 de marzo) e do terceiro Encontro Inspiro que inclúe o IV Concurso de Proxectos Emprendedores.
















